Veciños do ámbito do Burgo sumáronse á plataforma de afectados polos distintos proxectos de crematorios que hai en marcha en Pontevedra. Coa súa incorporación todos os colectivos creados no municipio están baixo o mesmo paraugas, todos a unha coa mesma protesta.
A adhesión foi resultado dunha asemblea celebrada na rúa Arcebispo Malvar, na que os asistentes mostraron o seu rexeitamento maioritario á construción dun tanatorio-crematorio no antigo soar do ximnasio Teucro.
Os veciños de Mourente e San Mauro xa se sumaran nunha loita conxunta hai unha semana e veciños das tres zonas da cidade convocan de forma colectiva unha concentración este martes 30 de outubro ás 20.30 horas na Praza de España.