O grupo municipal do Partido Socialista no Concello de Pontevedra mantivo unha reunión cos delegados de Comisións Obreiras na Deputación para falar do conflito do Parque de Maquinaria.
Ao finalizar o encontro, mantido no local municipal do PSOE, Tino Fernández dixo que, sen querer meterse no fondo nin nas formas da cuestión, "as controversias ou as discrepancias que poida haber soluciónanse co diálogo".
Neste sentido Tino Fernández considera que "sería bo que todos sentasen, falasen, e tentasen polo menos escoitarse" atendendo á importancia que ten este servizo no mantemento das estradas provinciais.
No encontro o portavoz de Comisións Obreiras, José Ramón Piñeiro tamén trasladou a preocupación dos traballadores polo futuro do Parque de Maquinaria xa que os terreos que ocupa o almacén xunto coas instalacións da imprenta provincial, son unha concesión de Costas que expira no ano 2018. A Deputación ten previsto abandonar esta localización para que os terreos volvan ao estado anterior á concesión administrativa. "Sen embargo ainda non se deron pasos para ter unha alternativa para este servizo", comentou Piñeiro.
"Isto supón que o Concello de Pontevedra en colaboración coa Deputación ten que ir buscando xa unha nova localización e tamén ten que estar a pensar que vai facer con eses terreos non futuro e que uso lle vai a dar", sinalou Tino Fernández.
O portavoz municipal socialista dará conta da reunión no seu partido e aos seus compañeiros na Deputación "e se queren escoitar a miña opinión tamén a darei, que non é outra que se senten a escoitar e a evitar que estas discrepancias sigan prexudicando ó parque de maquinaria".