O voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE, Agustín 'Tino' Fernández, augurou que despois das eleccións o BNG e o Partido Popular "volveran pactar xuntos para construír a planta de compostaxe". Así o dixo nunha rolda de prensa celebrada este sábado para "fixar a posición do Partido Socialista", tras a renuncia da Deputación provincial a seguir adiante con este proxecto ante a "falta de consenso".
Tino Fernández tamén criticou a decisión do BNG como grupo maioritario do goberno local de seguir adiante en solitario co proxecto na Canicouva "só para os residuos do municipio de Pontevedra" se os cidadáns volven darlle a alcaldía a Miguel Anxo Fernández Lores.
"A postura do Partido Socialista é e será a de posicionarnos en contra de que se destrúan 10 hectáreas de monte para construír unha planta de tratamento", dixo Agustín Fernández.
Os socialistas esixen que se poñan "enriba da mesa" os informes xurídicos, ambientais, o plan de viabilidade, o estudo económico financeiro e o informe dos servizos de intervención do Concello, entre outros documentos. E mostrouse especialmente interesado por saber se os técnicos do concello "avalan esta ocorrencia".
O voceiro do PSOE local advertiu que se o que os nacionalistas pretenden é que os veciños lexitimen co seu voto o proxecto da planta de compostaxe "hai que dicirlles a verdade" xa que ao seu xuízo nos terreos da Canicouva se quere facer algo distinto do que se está a contar "de que estamos a falar? ", preguntou.
Entre outros argumentos Tino Fernández indicou que, segundo os cálculos da Xunta de Galicia, a construción dunha planta de compostaxe para procesar 15.000 toneladas de residuos orgánicos ao ano custaría 12 millóns de euros, "140 euros a cada veciño de Pontevedra", afirmou "só facela, logo hai que mantela". E cualificou de "insulto aos cidadans de Pontevedra" que se gaste este diñeiro neste proxecto "cando hai no municipio 9.000 parados" e recordou que "hai outras necesidades máis importantes" e que "o tratamento do lixo non é unha competencia do concello".
DESMARQUE TÁCTICO DO PP
"Eu auguro que despois das eleccións o Partido Popular e o BNG volverán a pactar este asunto se teñen maioría para elo", afirmou Agustín Fernández.
"O desmarque do Partido Popular é táctico, estratéxico para evitar unha maior erosión de votos dos que está a ter neste intre", sinalou "e a Xunta a vai apoiar", engadiu.