"Sorpresa e indignación" dos traballadores polo 'plantón' da ministra e do presidente de ENCE

Pontevedra
09 de setembro 2021

O comité de empresa de fábrica de ENCE en Pontevedra espera "que ningunha das ausencias xustifique ou implique o non cumprimento dos compromisos alcanzados na reunión constitutiva da mesa"  

Un traballador mirando a fábrica de Ence
Un traballador mirando a fábrica de Ence / Mónica Patxot

O comité de empresa de fábrica de ENCE en Pontevedra expresou a súa "sorpresa e indignación" pola ausencia da vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera e do presidente da compañía pasteira, Ignacio de  Colmenares, na reunión da mesa polo futuro da factoría de Lourizán, que terá lugar este venres ás 11 da mañá na Subdelegación do Goberno.

Segundo explica nun comunicado, este comité espera "que ningunha das ausencias xustifique ou implique o non cumprimento dos compromisos alcanzados na reunión constitutiva da mesa".

Tal e como lembran os representantes do persoal da fábrica, o primeiro compromiso alcanzado por todas as partes foi "que non se tomará ningunha medida de forma unilateral que signifique o peche da empresa e a desaparición dos nosos postos de traballo".

Tamén se comprometeron as partes a que "traballarían activamente na garantía e futuro" de todos estes empregos.

O comité tamén sae ao paso das últimas declaracións efectuadas polos participantes nesta mesa para advertir que "non consentiremos que veñan con intención de non traballar activamente na procura da solución" argumentando a falta de competencias directas neste asunto, nin que "unha vez máis se pretenda utilizar os nosos postos de traballo como arma para satisfacer intereses electorais".

Desde o comité de fábrica de Ence tamén reclaman que as propostas que se fagan "sexan realistas e avaladas cunha mínima garantía de aplicación", xa que aseguran non entender que "se pretenda vender fume ou enredarnos en contos que non levan a ningunha parte".

"A nosa situación é límite, ou ben o recurso é aceptado polo Tribunal Supremo e gañado para a continuidade da fábrica en Lourizán ou temos que buscar outras alternativas", recalcan no seu escrito.

Por último, o comité pide que "por responsabilidade e con seriedade" analícense toda as propostas e que os responsables "colaboren activamente e non obstaculicen" e de ser preciso, engaden, "utilicen ás universidades e consultoras externas para a procura desas alternativas".

En calquera insisten na importancia de obter o compromiso "de que non se pechará Ence sen que se teña buscada unha solución que garanta continuidade dos nosos postos de traballo", conclúen.

Arquivado en