Solución de urxencia para as inundacións na Ermida: a auga derívase por unha leira expropiada

Pontevedra
26 de novembro 2022

A empresa San José, adxudicataria das obras da autovía A-57, puxo fin á situación que desde principios de semana mantiña asolagados os camiños de acceso ás leiras e vivendas dun bo número de veciños da zona da Ermida. Coas fortes choivas, as balsas de decantación desbordáronse e romperon, causando danos. Agora esa auga desviouse  

Leira pola que se deriva a auga das balsas de decantación da A-57
Leira pola que se deriva a auga das balsas de decantación da A-57 / PontevedraViva

A empresa San José, adxudicataria das obras da autovía A-57 entre Vilaboa e A Ermida (Marcón, Pontevedra), puxo fin á situación que desde principios de semana mantiña asolagados os camiños de acceso ás leiras e vivendas dun bo número de veciños da zona da Ermida. 

Na Ermida, a escasa distancia da zona asolagada, hai unhas balsas de decantación que, coas fortes choivas dos últimos días, desbordáronse e romperon, xerando un torrente de auga tan abundante que os sistemas de canalización resultaban insuficientes e chegaba a esta zona. 

Na mañá deste venres, buscaron unha solución transitoria, desviando a auga por unha leira expropiada para as obras e evitando que chegase á zona de leiras e casas particulares. A auga segue caendo por unha fervenza desde a zona das obras cara á estrada PO-532, que vai desde A Ermida ata Ponte Caldelas, pero agora cámbiase o seu percorrido para evitar os prexuízos aos veciños.

A auga cae na canalización de augas da Xunta de Galicia, cruza a estrada e aí, en lugar de volver cruzar cara ao outro lado e entrar á estrada municipal afectada, desvíase á citada leira.

O concelleiro coordinador do rural no Concello de Pontevedra, Alberto Oubiña, interesouse nos últimos días polo tema e este venres confirmou que a empresa derivara a auga a esta leira expropiada e o camiño deixaba de estar asolagado. 

A empresa responsable do mantemento de espazos públicos nas parroquias do rural realizou unha inspección da zona, os técnicos municipais realizaron un informe e desde o Concello contactaron coa empresa San José e co Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (antigo Fomento) como promotor da obra para "tratar de buscar solucións". Estas non tardaron en chegar.

Esta solución é provisional e solventa o problema nestes momentos, pero agora todos traballarán en buscar unha solución a longo prazo para a problemática, que os veciños relataran a PontevedraViva nas últimas horas e pode coñecerse en detalle nesta información

Arquivado en