Solicitan licenza "só" para tanatorio na parcela da avenida de Uruguai

Pontevedra
17 de decembro 2012

Advirten ao Concello que esta iniciativa "non implica a súa renuncia á instalación dun crematorio" e cualifican a moratoria acordada polo pleno como "unha medida arbitraria e inxustificada que contradí os criterios técnicos e a lexislación vixente"

As funerarias Alianza y Barros S.A. e Pompas Fúnebres Pontevedra S.L. presentaron hoxe no Concello de Pontevedra o proxecto básico para a construción dun tanatorio na parcela que acordaron adquirir ao Colexio de Arquitectos de Galicia. Iníciase deste xeito a tramitación do expediente para obter a licenza para un tanatorio con saída á avenida do Uruguai e a rúa Arcebispo Malvar.

Pero ambas empresas advirten "expresamente" á Administración Local que esta iniciativa "non implica a súa renuncia á instalación dun crematorio". Aseguran estar agardando a que os órganos competentes se pronuncien sobre o que as empresas promotoras consideran unha vulneración dos seus dereitos "pola adopción dunha medida arbitraria e inxustificada que responde exclusivamente a criterios políticos e contradí de maneira frontal os criterios técnicos e a lexislación vixente".

Lembran, neste sentido, que o proxecto para tanatorio-crematorio entrou no Rexistro Municipal o 31 de outubro de 2012 despois de que os arquitectos redactores mantiveran diversas reunións con técnicos do Concello e da Xunta de Galicia, "nas que obtiveron sempre respostas favorables sobre a viabilidade legal da instalación".

O pleno municipal acordou posteriormente, o 22 de novembro, suspender as licenzas de edificación para crematorio en distintos tipos de solo e nas proximidades de áreas residenciais, decisión que, segundo as empresas, "nos obriga á presentación dun proxecto, de características similares ao anterior, aínda que sen incluír a instalación do forno".

Pompas Fúnebres Pontevedra e Alianza y Barros manteñen "por suposto" a súa intención de construír un edificio "con calidades e deseño que nos sitúen na vangarda do sector funerario en Galicia" e dotado con todos os servizos inherentes á actividade, "con instalacións de tecnoloxía punteira e atendendo á máis esixente normativa medioambiental e patrimonial".

O Concello respectará "escrupulosamente" a lei

En relación a esta petición, desde a Concellería de Urbanismo aseguran que todas as actuacións municipais en materia urbanística fanse "con escrupuloso respecto da lei". Aínda que non teñen por costume valorar comunicados de empresas con proxectos urbanísticos, recordan que o Concello de Pontevedra impulsou unha suspensión de licenzas para crematorios dun ano, para dar pé a unha modificación do Plan Xeral que regule definitivamente o tipo de chan no que poderán instalarse este tipo de actividades, "unha medida adoptada escrupulosamente no marco das competencias do Concello e, sen ningunha dúbida, encaixada dentro da lexislación vixente".