Este vindeiro martes 3 de decembro ás 19:00 horas, no Liceo Casino de Pontevedra, presentará a súa nova exposición titulada Versus acompañada doutro Ser indóMITO da nosa cidade, Maica Larriba.
-Dime unha pregunta que nunca che gustara que che fixeran.
Calquera que parta de estereotipos ou prexuízos.
-Quen é Galia Blanco?
Son unha persoa que pinta, entre outras cousas, e emociónase co que fai.
-Cando e por que empezaches a pintar?
Empecei facendo retratos con 12 anos e co apoio do artista Antón Sobral, que é un gran mestre.
-Quen foi a primeira persoa que che dixo que valías para pintar?
Antón fixouse en que gozaba pintando e animoume a seguir. Creo que todos os nenos e nenas teñen miles de talentos e eu tiven a sorte de contar con alguén que me axudou a potenciar algo que me gustaba.
-Cres que o sistema educativo potencia as artes plásticas?
Cando eu estudei, non. A clase de plástica para min era un castigo, todo baseábase en copiar e non había lugar para a creatividade. Agora é moitísimo mellor. En moitos centros, sobre todo en infantil e primaria, a arte aparece de forma transversal en moitas materias e a expresión creativa poténciase en todos os ámbitos da escola.
-Cres que o oficio de artista está tan recoñecido como outros ou séguese percibindo como unha afección?
Creo que é un traballo que depende moito da profesionalización. En moitos casos, a consideración que teña depende da escala de vendas e prezos na que se mova a ou o artista e esta, a miúdo, dos seus contactos.
-En que te inspiras?
En persoas e na natureza. Fago retratos por encarga; estou traballando nunha serie titulada Eternas, sobre mulleres fortes e intelixentes como Frida Kahlo, Catherine Hepburn ou Henar Álvarez e tamén nunha serie de paisaxes abstractas.
-Cal foi a túa mellor obra?
A que máis me gusta, sempre é a que estou facendo no momento no que me pregunten.
-A cotío mesturamos os conceptos de "prezo" e "valor", especialmente na arte. Como os distinguirías?
En principio, a ou o artista ten poder sobre o primeiro, mentres que o segundo outórganllo o resto de persoas. Eu elixo marcar prezos asequibles en lugar de facer arte que só poidan adquirir as elites económicas.
-Onde expuxeches ultimamente?
Ultimamente en distintos lugares da provincia de Pontevedra, como Marín, Cangas, Sanxenxo ou Vigo e o martes que vén, ás 19:00h inauguro no Liceo Casino de Pontevedra. É un privilexio expor en pleno Casco Histórico dunha das cidades máis bonitas e agradables que coñezo.
-Algún artista que creas que non ten o recoñecemento suficiente?
En xeral, todas as persoas que empezan. Hai moito talento, pero é difícil facerse oco.
-E alguén que creas que non deixará de soar dentro de pouco?
Roberto Buchaman, un artista que fai xoias de autor no seu taller de Poio.
-E se puideses ter a resposta á pregunta que quixeras, que preguntarías?
Preguntaría sobre o cerebro, do que aínda queda moito por descubrir.
-E para rematar, a quen che gustaría ver nesta sección?
A Soledad Saburido, amiga e doutora en bioloxía vexetal, ten unha historia que me resulta interesante e aprendo dela a facer pequenas cousas que axudan a reducir residuos e mellorar a saúde da miña xente a través da fermentación.
Para Galia, Pontevedra sabe a tortilla de patacas, cheira a pedra mollada, é de cor verde e castaño e soa a nenos e nenas xogando. Definitivamente, Galia Blanco sente Pontevedra.
O CUESTIONARIO
− Nunca saio da casa sen... lentes.
− Na miña neveira sempre hai... vexetais.
− No meu armario destaca... o negro.
− A idade é... bioloxía.
− Sempre fun o ollo dereito de... profes de letras.
− Pontevedra ten alma de... paseo.
− Creo en... a ciencia e a cultura.
− O ano que marcou a miña vida foi... 2015.
− O mellor agasallo que me poden facer é... charla e café na natureza.
− O meu lugar no mundo é... o meu xardín.
− Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en... o norte de Portugal.
− O meu momento favorito do día é... a mañá.
− Pontevedra... casa.