Sanxenxo traballa na modernización do sistema de recollida de lixo e limpeza viaria

Sanxenxo
24 de outubro 2021

O goberno aspira a “universalizar” a recollida selectiva en todo o rural e implantar o “porta a porta” en zonas dos centros urbanos e na hostalería

Juan Deza, concelleiro de Medio Ambiente de Sanxenxo, na feira Municipalia de Lleida
Juan Deza, concelleiro de Medio Ambiente de Sanxenxo, na feira Municipalia de Lleida / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo traballa xa no futuro contrato de recollida de lixos que supoñerá un salto de calidade e modernización do servizo. Así, xa se empezou a marcar as liñas do novo prego que permitirán seguir avanzando nas boas cifras de xestión de residuos alcanzadas ata o momento. Esta mesma semana o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, visitou a feira internacional Municipalia en Lleida para coñecer as últimas propostas que existen no mercado en equipamentos e servizos municipais.

A pesar de que a concesión tras a última prórroga amplíase ata o 2023, ao tratarse dun contrato complexo a nivel administrativo, o concelleiro de Medio Ambiente, traballa xa nalgunhas das condicións que recollerá o futuro contrato como a introdución do contedor marrón e implantación da recolleita porta a porta na hostalería, sector que concentra o maior volume de residuos orgánicos, e en zonas dos centros urbanos con preferencia peonil. 

O goberno quere implantar un sistema propio ao servizo que responda as necesidades dun concello como o de Sanxenxo que en determinadas épocas do ano quintuplica a súa poboación. Dispoñer dun plan de traballo e de recursos humanos e materiais acordes ás tempadas. Nestes momentos, hai 650 puntos de recollida selectiva dos que un total de 395 sitúanse nas zonas urbanas e 255, no rural. O obxectivo é universalizar esta xestión en todo o rural e homoxeneizar a estética e funcionalidade de todos os contedores con sistemas máis operativos e máis silenciosos.

O reforzo da compostaxe será outra das prioridades na nova concesión e que consolidará os pasos xa dados neste ámbito. Ata o momento, Sanxenxo conta cun composteiro comunitario no parque de Ou Espiñeiro, pero o obxectivo é seguir ampliando o número nos próximos anos. Na mesma liña, potenciarase a repartición de composteiros individuais para facilitar o tratamento de residuos orgánicos de particulares. Sanxenxo entregou xa preto de 300 composteiros deste tipo aos veciños que os demandaron.

En canto á limpeza viaria, Deza quere que a nova frota do servizo municipal sexa eléctrica o que permitirá unha recollida moito máis silenciosa e menos contaminante.