Sanxenxo rexeita acoller no seu termo municipal a nova EDAR de Poio

Poio
28 de xullo 2016

A Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa construción da EDAR de Poio e anuncia que vai tentar axilizar a elección dunha ubicación para esta infraestrutura. Xa anunciara nas últimas semanas que estaba a barallar tres ubicacións viables técnica e economicamente, unha delas en Sanxenxo e as outras dúas en Poio

Reunión das conselleiras de Medio Ambiente e do Mar cos concellos de Pontevedra, Poio e Marín e as confrarías
Reunión das conselleiras de Medio Ambiente e do Mar cos concellos de Pontevedra, Poio e Marín e as confrarías / PontevedraViva

A Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa construción da EDAR de Poio e anuncia que vai tentar axilizar a elección dunha ubicación para esta infraestrutura hidráulica. Esa busca de emprazamento recibiu un revés este xoves co anuncio do Concello de Sanxenxo de que se nega a acoller esta instalación no seu terreo.

Todo sucedeu no marco dunha reunión entre o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez; concelleiros do goberno municipal de Poio; e o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, co fin de analizar o mellor emprazamento para esta depuradora. 

A Xunta xa anunciara nas últimas semanas que estaba a barallar tres ubicacións viables técnica e economicamente, unha delas no termo municipal de Sanxenxo, sobre a que non se acadou acordo entre os dous concellos implicados, e as outras dúas en Poio. Tras a negativa de Sanxenxo, Augas de Galicia solicitará de novo ao Concello de Poio que, no marco das súas competencias, elixa unha das dúas restantes coa máxima celeridade posible.

Roberto Rodríguez insistiu en que esta depuradora é unha "peza importante" para o saneamento da Ría de Pontevedra e volveu ofrecer toda a colaboración que poida prestar para o proxecto. Con esta xuntanza, o goberno galego segue a dar cumprimento ás propostas que puxo sobre a mesa na reunión do pasado 1 de xullo coas confrarías da ría de Pontevedra.

A primeira delas, referida a dar unha solución ás verteduras de Cocheras, xa está cumprido coa recente instalación dunha comporta que evita o alivio que se producíaO segundo compromiso centrábase na priorización da construción do emisario submarino, para o que xa se están a realizar as batimetrías necesarias, e o terceiro era a EDAR de Poio.