A Plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste continúa activa a pesar das datas do Nadal e mesmo intensifican as súas accións de protesta na recta final do ano. Este mesmo xoves 26 de decembro acudirá ao Concello para presentar por rexistro alegacións ao proxecto de crematorio de Funespaña en San Mauro.
As alegacións que presentarán este xoves entréganas en nome da plataforma, pero tamén están a promover que os veciños de San Mauro e A Parda afectados aleguen de forma particular, para que cheguen ao rexistro municipal un aluvión de documentos contrarios ao proxecto antes do 8 de xaneiro. Promove, así mesmo, unha campaña de recollida de firmas en contra do citado proxecto.
As alegacións que se presentan e as que prepararán os cidadáns a título individual irán na mesma liña argumental. Os veciños opóñense "ao cambio puntual do PXOM que favorece a instalación do crematorio da empresa Funespaña en San Mauro" alegando que "non respecta os 500 metros que se nos comunicara hai nestas datas un ano polo Concello".
A plataforma recrimina a súa actitude, unha vez máis, ao concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, que aseguran que foi quen lles prometeu que non se permitiría un crematorio a menos de 500 metros da vivenda e finalmente actuou "enganando os veciños, sen velar pola saúde de todos eles".
Dende o colectivo cidadán reiteran que os servizos dun crematorio "son necesarios e demandados" e " non nos opoñemos á súa instalación", pero si rexeitan "a súa situación", pois "debería situarse a máis de 500 metros da poboación".
Os veciños opinan que "o Concello de Pontevedra se equivoca de plano nesta iniciativa" e lanzan unha advertencia: "loitaremos e velaremos pola saúde dos nosos veciños, xa que os nosos políticos fan caso omiso da saúde dos seus cidadáns".
Nesta recta final do ano os veciños manteñen a súa convocatoria de concentracións cada xoves ás 20.30 horas na rotonda de Juan Carlos I, en concreto, na que está máis próxima ao Conservatorio Manuel Quiroga. Estas protestas prolónganse durante 20 minutos e van acompañadas, cada luns, dunha reunión para informar os veciños das últimas novidades nesta loita cidadá.