Os veciños de Samieira seguen inquedos, así manifestárono na súa última asemblea na que reclamaron o goberno local que desvele "dunha vez" cal será a situación da depuradora.
A Casa do Pobo de Samieira, en Río de Bois, acolleu a asemblea convocada pola Plataforma Non á Depuradora en Samieira cando se cumpre un ano do inicio das protestas "tiña como obxecto concretar a situación actual do proxecto, informar aos veciños dos resultados das reunións con diversos colectivos e expertos que mantivemos durante estes meses e forzar que se achegue unha solución definitiva para o abandono da proposta de localización en O Caeiro-Laño", explican os voceiros.
"Como vén sendo habitual dende que iniciamos as nosas mobilizacións, tivemos unha asemblea concurrida e participativa da que sairon as accións que emprenderemos nas próximas datas. A situación que xera máis indignación é a falta de colaboración e total desafección dos nosos representantes políticos locais. Neste momento atopámonos cun contexto moi similar ao do inicio das protestas. Tanto goberno como oposición gardan silencio sobre o tema. Esta falta de información foi motivo de queixa deste colectivo en máis dunha ocasión. Durante meses presentamos formalmente varias solicitudes de información no rexistro municipal que non foron atendidas. Cremos firmemente que non se están cumprindo as promesas de traballar nunha solución, que se está paralizando conscientemente a materialización dun servizo público antepondo intereses partidistas ao interese xeral", informan dende este colectivo veciñal.
Dende hai un ano esta Plataforma vén demandando un estudo de alternativas que concrete unha nova localización, "técnica e economicamente viable", para esta infraestrutura porque consideran que esa é a única vía para descartar a actual localización. A última solicitude que presentaron, neste sentido, no rexistro municipal foi o 1 de xuño, hai 2 meses, e non tivemos resposta".
Os veciños insisten en que este asunto non se pode dilatar por máis tempo tendo en conta que o Concello de Poio está a tramitar un novo PXOM, que en cumprimento da normativa de ordenación urbanística, debe concretar, mediante as oportunas reservas de terreos, a exacta localización daqueles sistemas ou equipamentos públicos xerais, como a EDAR, e definir con precisión o trazado das redes de abastecemento e saneamento.
"Queremos que o goberno municipal traballe neste asunto e poña sobre a mesa todos os mecanismos que ten á súa disposición porque non só é administración máis próxima e a que lle competen decisións tan fundamentais como a procura dos terreos, senón porque neste caso ten boa parte de responsabilidade na situación actual. Os nosos representantes locais foron os que ofreceron esta ubicación, unha decisión que consideramos unha absoluta irresponsabilidade. Ademáis a ocultación dun proxecto tan significativo e a falta de colaboración para achegar unha solución están a influir de forma determinante no malestar vecinal", valorou a asemblea.
Por todos estes motivos a Plataforma continuará facendo fronte colectivamente a este proxecto. "Seguimos mantendo a nosa postura de defensa social e ambiental porque cremos firmemente que non se pode pór en perigo esta franxa litoral se existen outras posibles solucións", concluíron.