Simulando o famoso "Bienvenido Míster Marshall" da pelicula de Luís García Berlanga, veciños de Marcón (Pontevedra) e Figueirido (Vilaboa) deron este domingo a súa particular benvida á ministra de Fomento, Ana Pastor, á zona na que a semana pasada comezaron as obras da autovía A-57 no lugar da Ermida. Preto dun centenar de veciños concentráronse no punto no que desde o xoves están as pas escavadoras e onde este luns 19 de outubro a ministra pontevedresa colocará a primeira pedra da polémica infraestrutura.
Entre os carteis que este domingo exhibiron na concentración había un cun simbólico "Benvida, Miss Pastor" co que pretenden transmitirlle á titular do Ministerio de Fomento que lles gustaría que fose de visita hai xa case un ano, pois en novembro de 2014 enviáronlle unha carta pedíndolle unha reunión para falar do proxecto da autovía A-57 e convidándoa a dar un paseo polos terreos afectados polo trazado deseñado polos técnicos ministeriais para esta estrada. "Nunca respondeu", critican.
Enfadados polo desembarco "precipitado" da maquinaria de obra e pola colocación da primeira pedra deste luns, veciños afectados polo viario sacaron as súas pancartas e denunciaron que a forma en que está a actuar o Ministerio de Fomento parécelles "irregular", pois as obras empezaron antes de que a Audiencia Nacional se manifestase sobre a petición da plataforma 'Salvemos a Fracha' de que se paralicen de forma cautelar as obras ata que se resolva o recurso contencioso-administrativo presentado polas presuntas irregularidades do proxecto.
'Salvemos a Fracha' faise eco do malestar veciñal e este domingo, entre as 13.30 e as 14.15 horas, os integrantes da plataforma, acompañados por afectados e por varios colectivos sociais, pediron, unha vez máis, "sentido común" fronte á "política do asfalto". Ademais, exhibiron carteis bautizando á A-57 como "falsa circunvalación" en alusión a que o Ministerio e o Concello de Pontevedra aseguran que é unha circunvalación para a cidade de Pontevedra cando "non é máis ca un corredor norte-sur entre Vilaboa e A Ermida que non circunvala nada nin permite unir as parroquias afectadas".
Na súa protesta contaron co apoio de colectivos como a APDR, Mancomunidade de Comunidades de Montes de Pontevedra, Vaipolorío e a asociación de veciños de Figueirido e partidos políticos como Marea Pontevedra e Podemos, que se uniron ás súas críticas contra unha nova autovía que irá "paralela á AP-9", supón "un despilfarro de cartos públicos en época de recortes" e tería "unha mellor solución se houbera vontade política", a liberalización da peaxe da autoestrada AP-9.