'Salvemos a Fracha' denuncia ante a Audiencia Nacional o inicio das obras da autovía A-57

Pontevedra
16 de outubro 2015

A plataforma presentará o luns un escrito ante o tribunal denunciando que o Ministerio de Fomento comezou esta semana as obras de construción da autovía A-57 antes de que se resolva a petición realizada formalmente de que, preventivamente, non se poñan en marcha os traballos. As máquinas da empresa San José -adxudicataria das obras- chegaron o xoves á zona da Ermida e empezaron a realizar os primeiros traballos 

Inicio das obras de construción da autovía A-57 na zona da Ermida, en Marcón
Inicio das obras de construción da autovía A-57 na zona da Ermida, en Marcón

A plataforma 'Salvemos a Fracha' presentará o luns, día 19, un escrito ante a Audiencia Nacional denunciando que o Ministerio de Fomento comezou esta semana as obras de construción da autovía A-57 antes de que se resolva a petición realizada formalmente de que, preventivamente, non se poñan en marcha os traballos

Segundo indicaron os veciños, e segundo se pode comprobar sobre o terreo, as máquinas da empresa San José -adxudicataria das obras- chegaron o xoves á zona e empezaron a realizar os primeiros traballos na zona da Ermida, nun punto próximo á hípica de Marcón. Durante os dous primeiros días de traballos, realizaron tarefas para adecuar o terreo para o inicio efectivo a construción da autovía, que a plataforma asegura que é unha falsa circunvalación a Pontevedra. 

'Salvemos a Fracha' presentou un recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional denunciando as presuntas irregularidades cometidas polo Ministerio de Fomento no proxecto de construción do primeiro tramo da A-57, entre Vilanova e A Ermida (Marcón). A ese recurso achegaron a petición de que se adoptase unha medida cautelar que impedise empezar as obras ata que ese recurso se resolva. O tribunal non se postulou aínda sobre o asunto, de modo que os servizos xurídicos da plataforma consideran que non se pode empezar materialmente a execución da obra. 

O avogado de 'Salvemos a Fracha' entregará o escrito na Audiencia Nacional o luns e os veciños tamén presentarán unha denuncia nos mesmos termos na Unidade de Carreteras del Estado en Pontevedra, achegando en ambos os documentos imaxes tomadas na mañá deste venres na zona na que xa empezaron as obras. 

A ministra de Fomento, Ana Pastor, presidirá o vindeiro luns día 19 de outubro o acto oficial de inicio das obras, ao que a Delegación do Goberno convidou formalmente a todos os membros da Corporación de Pontevedra. Será ás 10.00 horas na zona na que, en realidade, as obras xa comezaron este xoves. 

Arquivado en