Salvados avanza o seu programa sobre a presenza de Ence na ría cun paralelismo coa serie 'La casa de papel'

Pontevedra
18 de novembro 2021

Leonor González "Nené", da Asociación pola Defensa da Ría, aparece como a protagonista deste avance como "líder carismática" da historia que Fernando González "Gonzo" narra ao actor Pedro Alonso, que interpreta a Berlín na famosa serie de Netflix. O vindeiro domingo ás 21.25 horas en La Sexta está prevista a emisión do programa sobre a situación de Ence na ría de Pontevedra 

Leonor González "Nené", no avance do programa de Salvados sobre Ence
Leonor González "Nené", no avance do programa de Salvados sobre Ence / La Sexta

"Te traigo un guion. Es buenísimo", con esta frase comeza Fernando González "Gonzo", presentador do programa Salvados de La Sexta, o avance que xa se pode ver nas redes sociais sobre o contido que se emitirá este domingo 21, a partir das 21.25 horas.

O guión centrarase en Ence e nos movementos ao redor da empresa pasteira con especial protagonismo da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), con Leonor González "Nené", que aparece como "líder carismática" neste avance. Tamén figurará o actor vigués Pedro Alonso, coñecido internacionalmente polo seu papel como Berlín en 'La casa de papel'.

Precisamente, o programa xoga co dobre sentido en relación coa serie e levará por título 'Ence. La casa del papel', con referencias ao enfrontamento que a APDR mantén con "líderes moi poderosos" ao mesmo tempo que aparece a imaxe de Núñez Feijóo con Gonzo ou Isabel Tocino, ex ministra de Medio Ambiente e actual integrante do Consello de Administración de Ence.

O programa emítese aproveitando a actual situación da fábrica pasteira que se atopa pendente da admisión a trámite polo Tribunal Supremo dos diferentes recursos presentados despois das tres sentencias contrarias da Audiencia Nacional á prórroga concedida á entidade polo goberno en funcións de Mariano Rajoy en 2016. Namentres, traballadores da factoría tentan buscar solucións alternativas para que Ence permaneza na súa localización a través da adscrición dos terreos ao Porto de Marín.

Arquivado en