Rueda, sobre un posible traslado de Ence a As Pontes: "Non parece lóxico vestir un santo a costa de desvestir outro"

Pontevedra
14 de febreiro 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, realizaba estas manifestacións en Santiago criticando a postura de Valentín García Formoso, líder do PSdeG e alcalde das Pontes, ao amosar o seu interese pola pasteira. O representante do goberno galego tamén entende que diversas empresas que manteñen actividade con Ence anunciaran a presentación dun recurso contra a sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga á factoría

Fábrica de Ence en  Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, falaba este luns en Santiago de Compostela sobre a posibilidade que expón Valentín García Formoso, líder do PSdeG e alcalde das Pontes, de que a fábrica pasteira de Ence sexa trasladada ao seu municipio. Nesas declaracións recollidas pola xornalista María Boullosa no Diario de Pontevedra, o secretario xeral dos socialistas galegos tamén indicaba que non se producira contacto algún entre o Concello das Pontes e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico neste sentido.

O representante do goberno autonómico entende que esta posibilidade de traslado supoñería crear postos de traballo nun municipio en detrimento de outro. Por este motivo, Rueda afirmou o seu compromiso cos postos de traballo en Pontevedra e alegou que "non parece lóxico vestir un santo a costa de desvestir outro". Pídelle a García Formoso que pense na globalidade de Galicia e cumpra co compromiso de que os postos de traballo mantéñanse en Pontevedra sen prexuízo de que poida haber instalacións noutros sitios.

Manifestou tamén que é unha mágoa que outros partidos digan que se teñen que perder eses postos de traballo en Pontevedra sen ofrecer alternativas para a localización da fábrica na contorna. Lembrou que o Goberno central, a través do secretario de Estado de Medio Ambiente, se comprometera a buscar unha alternativa preto de Pontevedra hai meses e esa proposta "era mentira" porque pasado o tempo segue sen saberse nada ao respecto, apuntou Rueda.

O vicepresidente tamén insistiu na aposta que a Xunta de Galicia realiza para que os terreos actuais da fábrica se adscriban ao Porto de Marín como solución para defender os postos de traballo e entende que empresas da contorna, pertencentes ao Grupo  Nogar, tamén presentasen ou estuden presentar recursos ante o Tribunal Supremo contra as sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a prórroga á fábrica pasteira para permanecer na ría. "Os empresarios son os que crean traballo e riqueza", indicou Rueda para explicar que "defenden riqueza e traballo que xa existe na comarca de Pontevedra a través de Ence e o que queren é que non se perda. É absolutamente lóxico", expresou o representante do executivo galego.

Arquivado en