Para Alfonso Rueda que desde Transición Ecolóxica se fale xa abertamente da "demolición" da fábrica de Ence resulta "sorprendente" ao entender que se trata dunha "insensibilidade absoluta" cando, ademais, este asunto aínda esta xudicializado.
"Non é demoler unha fábrica, estamos a falar de moitísimos postos de traballo", sinalou Rueda, preguntado sobre o recente pronunciamento do ministerio tras a terceira sentenza que anula a prórroga concedida á pasteira ata 2073.
O vicepresidente galego considera que o Goberno "non é consciente" de que "o que están a demoler son postos de traballo, sen alternativa".
Tras lembrar que está pendente aínda o ditame do Consello Consultivo de Galicia sobre a posible adscrición dos terreos de Ence ao porto de Marín, o dirixente autonómico reiterou que "isto é un problema xurídico" para o que a Xunta explora solucións.
"Se nos din que non é posible, acabouse e haberá que buscar outra, pero se nos di que é posible, tiraremos por aí porque é unha posibilidade de salvación de postos de traballo", subliñou Alfonso Rueda, que lamenta que o Goberno non queira esperar a sabelo.
Rueda apuntou que "oxalá fora tan rápido para outras cousas que importan a moita xente moitísimo máis que demoler unha edificación, que deixaría sen alternativa a miles de familia que traballan agora mesmo e dependen dela".
A este respecto, o vicepresidente da Xunta apuntou que "a fábrica é o de menos, o importante son os postos de traballo" para o que entende que "non hai outra alternativa" que a que defende agora o goberno galego "e que foi desprezada sen ningún tipo de explicación".