Rueda: "Habería que deixar que ENCE poida traballar e crear riqueza con toda a seguridade xurídica"

Pontevedra
28 de marzo 2023

"O Concello está no seu dereito de expor os recursos que estime convenientes, pero a sentenza é bastante categórica", respondeu Rueda en relación coa decisión de Pontevedra de recorrer a sentenza do Tribunal Supremo sobre a prórroga para a permanencia de Ence ante o Tribunal Constitucional

Fábrica de Ence en Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, respecta a decisión do Concello de Pontevedra de recorrer a sentenza do Tribunal Supremo sobre a prórroga para a permanencia de Ence ante o Tribunal Constitucional, pero non a comparte e aposta por, neste momento, deixar á empresa seguir traballando.

"O Concello está no seu dereito de plantexar os recursos que estime convenientes, pero a sentenza é bastante categórica", respondeu Rueda este martes a preguntas dos medios de comunicación con motivo dunha visita á parroquia de Lourizán. 

O mandatario autonómico é máis partidario de non seguir co proceso e que a empresa siga coa súa actividade. "Habería que deixar que, con todos os requerimentos ambientas máis estritos, unha industria moi importante para Pontevedra e toda Galicia poida traballar e crear riqueza con toda a seguridade xurídica". 

Recoñece Rueda que é necesario "esixirlle a Ence o cumprimento estrito de todos os seus compromisos, que son moitos" e adianta que "a Xunta vaillo esixir". 

En resposta aos medios de comunicación, o presidente galego aclarou que a el non lle gusta falar de empresas, "senón de familias que dependen dela" e insistiu en "é necesario un pouco de tranquilidade, de perspectiva cara adiante e seguridade".