Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, visitaba este sábado a Carballeira de San Xusto para supervisar a montaxe do acto que se desenvolverá este domingo 29 para celebrar o inicio do curso político nas filas do Partido Popular.
A preguntas dos xornalistas sobre a convocatoria da segunda mesa de diálogo por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica para tratar o futuro de Ence, o representante autonómico indicou que había que preguntarse cal é a razón desa convocatoria.
Respondía o delegado do Goberno, José Miñones, que desafiaba á Xunta de Galicia e a Ence para presentar documentos nese encontro sobre o futuro da fábrica pasteira. Rueda indica que a Xunta non ten que presentar documento algún, xa que a postura desde o goberno galego sempre foi que a fábrica permanecese na ría de Pontevedra.
Desta forma, sinalou que o culpable da actual situación de incerteza é o "Concello de Pontevedra co apoio do Estado" por recorrer a prórroga realizada por Mariano Rajoy para que a fábrica permanecese en Lourizán e que foi anulada pola Audiencia Nacional, á espera do que decida nos próximos meses o Tribunal Supremo ante os recursos que se presenten contra esa sentenza.
O vicepresidente autonómico asegurou que o goberno da Xunta non ten "unha solución para Ence porque non nos corresponde buscala" e sinalou a quen creou ese problema para que agora busque unha solución e, no caso de que non a teñan, que se anime a dicirlle aos traballadores que carecen desa solución.
"Quero pensar que o Estado e o Concello de Pontevedra terán algo pensado porque, se non, os traballadores terán moito dereito a protestar", concluíu o representante da Xunta de Galicia.
INICIO DO CURSO POLÍTICO
Por outra banda, o tamén presidente provincial do Partido Popular manifestou a súa satisfacción porque este domingo Cerdedo-Cotobade volve converterse en escenario do inicio do curso político dos populares nun acto ao que acudirá o presidente do PP, Pablo Casado, e o seu homólogo en Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Rueda estivo acompañado durante a visita á Carballeira de San Xusto polo alcalde Jorge Cubela e polo coordinador de Organización do PPdeG, Alberto Pazos. Segundo manifestou "será un día de reencontro".
A capacidade para este acto rebaixarase a 500 ou 600 persoas, segundo indicou, reducindo a cifra habitual de máis de mil asistentes que se rexistraba antes da pandemia. O acto, sinalou, terá continuidade cos congresos provinciais que se celebrarán en Galicia no mes de setembro.
O dirixente popular lembrou que o PP leva 14 anos escollendo a provincia de Pontevedra para marcar o inicio do curso político e afirmou que os populares seguen sendo un partido cohesionado fronte ás "discusións no PSOE e as dúbidas do BNG".