A aparición dunha nova coroa mortuoria, nesta ocasión, dirixida ao vicepresidente da Deputación Provincial, César Mosquera, levou a que o nacionalista anunciase este sábado que remitiría unha carta este mesmo luns ao presidente provincial do PP, Alfonso Rueda, para solicitar que dese instrucións perinentes para poñer fin ás agresións contra o goberno provincial.
Mosquera apuntaba que foi o propio Rueda quen marcou a liña de confrontación e ataque ao goberno provincial e as súas ordes foron, segundo explicaba, as que fixeron que a situación chegará a este punto de ameazas co incidente das coroas remitidas tanto a Mosquera como o deputado de Mobilidade. A presenza destas coroas, segundo o vicepresidente provincial, están relacionadas co conflito dos traballadores do Parque de Maquinaria, que contan co apoio do PP.
O presidente provincial do Partido Popular, Alfonso Rueda, xa se adiantou na resposta publicando en Twitter a seguinte contestación:"Ó sr Mosquera se lle vai a pinza, pero si di esto é xq el si fixo estas cousas e pensa que todos son coma el"(sic) e recollendo a publicación aparecida no Faro de Vigo sobre as acusacións de César Mosquera.
Ó sr Mosquera se lle vai a pinza, pero si di esto é xq el si fixo estas cousas e pensa que todos son coma el pic.twitter.com/QrjGZhi3LJ
— Alfonso Rueda (@ARueda68) 29 de mayo de 2016
O tweet recibiu apoio de varios seguidores do Partido Popular, do propio PP de Pontevedra e tamén de Lucía Pedroso, presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra.
Mosquera mantén que as coaccións aparecidas contra os membros do grupo do BNG responden "claramente a unha estratexia política do PP". Entende que está a buscar un enfrontamento permanente na Deputación.