Rexeitamento no pleno da Deputación á adscrición dos terreos de Ence ao Porto de Marín

Pontevedra
26 de novembro 2021

A moción presentada polo Partido Popular foi desbotada polo grupo de goberno (PSOE-BNG) ao considerar que non se trata dun tema de competencia da institución provincial e entender tamén que esta opción é un camiño fraudulento ante as sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a prórroga de permanencia en Lourizán para a fábrica pasteira

Pepa Pardo, portavoz do PP, defende a moción de apoio a adscrición dos terreos que ocupa Ence ao Porto de Marín
Pepa Pardo, portavoz do PP, defende a moción de apoio a adscrición dos terreos que ocupa Ence ao Porto de Marín / Deputación de Pontevedra

O Partido Popular trasladaba este venres ao pleno da Deputación unha moción para que o grupo de goberno (PSOE-BNG) apoiase a adscrición dos terreos que ocupa actualmente Ence en Lourizán ao Porto de Marín, despois de que nas últimas horas o Consello de Administración da Autoridade Portuaria votase a favor de iniciar os trámites para iniciar ese procedemento.

Pepa Pardo, portavoz do PP, na mesma liña da moción presentada esta semana no pleno municipal de Pontevedra, sinalaba que 500 familias pontevedresas atópanse nunha situación de incerteza e inseguridade debido a unha posición "caprichosa do alcalde de Pontevedra" e ao cambio de criterio da Avogacía do Estado no proceso xudicial na Audiencia Nacional ante os recursos presentados contra a prórroga concedida en 2016 polo goberno de Mariano Rajoy.

Defendeu que o Consello Consultivo da Xunta avala a legalidade de que eses terreos formen parte da  Autoridade Portuaria e alertou sobre a crise social en Pontevedra que se agravaría se non se aposta por esta solución para o futuro da empresa pasteira.

Acusou ao BNG de non buscar solucións durante 22 anos no goberno de Pontevedra e de defender os traballadores de empresas como Alcoa e non ao persoal de Ence.

O portavoz nacionalista César Mosquera, vicepresidente provincial da Deputación, lembrou que ata 2013, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia defendía a procura de fórmulas para que a pasteira abandonase Lourizán e expresou que "algo raro sucedeu" porque cambiou a súa posición. Insistiu en que esta solución de adscrición ao Porto sería un "camiño fraudulento" e acusou ao PP de anular a única posibilidade de que se manteñan os postos de traballo que, segundo entende, pasa polo traslado. 

Preguntouse porqué a Xunta quere defender a presenza de Ence en terreos de dominio público marítimo terrestre: "iso só se fai con Ence, a cambio de que?", insinuou facendo referencia a ex dirixentes do PP que ocupan postos no Consello de Administración da entidade que preside Ignacio de Colmenares y Brunet.

Pola súa banda, o portavoz do PSOE, Carlos López Font, lamentou que o Partido Popular presentase esta moción ao pleno da  Deputación cando esta institución carece de competencias sobre este tema. Insistiu tamén en que o grupo de goberno defende o interese xeral, o medio ambiente e que se cumpran as sentenzas xudiciais.

López Font afirmou que é necesario buscar outra localización pero acusou a Pepa Pardo de realizar un mitin e utilizar a sesión plenaria como espazo de "juego con confrontaciones a mayor gloria del PP".

A portavoz popular respondeu que a Deputación ten que ser o lugar para defender os postos de traballo e afirmou que o PSOE e o BNG "entre defender el interés general o sus sillones, eligen sus sillones". 

A moción foi rexeitada con 11 votos a favor dos deputados do PP e 15 en contra, dos grupos do PSOE e do BNG.

Arquivado en