A Xunta de Galicia convocou a seis concellos da área de influencia de Pontevedra a unha reunión urxente o vindeiro mércores 27 de xullo para abordar a situación de "prealerta por escaseza" de auga da bacía do Lérez decretada a semana pasada por mor da seca.
A reunión será ao día seguinte da convocada por Pontevedra a nivel municipal, á que están convidados Poio, Marín, Bueu e Sanxenxo, aínda que este último municipio xa anunciou que non vai acudir.
No caso da reunión convocada pola Xunta de Galicia, citouse aos concellos de Pontevedra, Poio, Marín, Bueu, Sanxenxo e, neste caso, tamén Ponte Caldelas. A esta reunión Sanxenxo si acudirá, segundo anunciou este mesmo luns.
Desde a Xunta de Galicia explican que o obxectivo da reunión entre Augas de Galicia e os concellos é "garantir a máxima coordinación, ordenación, cooperación e colaboración" entre todos os municipios que se abastecen do sistema de abastecemento de Pontevedra, cuxa captación principal é o río Lérez, para garantir o abastecemento de auga á poboación como uso prioritario.
Na reunión detallarase a situación da bacía do Lérez e abordaranse as medidas que deberán adoptar os municipios, que están fixadas para este estado de "prealerta por escaseza" no Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.
O encontro será o mércores ás 17.00 horas na Delegación da Xunta en Pontevedra, case unha semana despois de que a Oficina Técnica da Seca reunida o pasado xoves, 21 de xullo, elevase o nivel de alerta pola situación de seca na bacía do río Lérez, declarando a "prealerta por escaseza" ante os datos que apuntan ao principio da escaseza de reserva de auga para o abastecemento neste ámbito.
O informe intermedio de seguimento avaliado pola Oficina Técnica da Seca nesa reunión pon de manifesto unha importante redución das achegas hídricas na estación de aforos situada no río Lérez, onde se ten producido unha diminución de preto do 75% dos caudais medios en menos de 20 días.
Segundo explican desde a Consellería de Infraestruturas, as temperaturas anormalmente elevadas dos últimos días e a falta prolongada de chuvias fixo que a situación se agravase especialmente na conca do Lérez, onde non existen reservas de auga encorada, circunstancias que poden comprometer o abastecemento.
A Xunta puxo en coñecemento dos concellos esta información de maneira inmediata a través dunha comunicación remitida por Augas de Galicia que, como organismo de conca, ten solicitado a información necesaria e imprescindible de cada un dos concellos para analizar a resposta máis adecuada a este escenario, onde o abastecemento de auga á poboación é o uso prioritario.