O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, mantivo unha reunión con veciños das parroquias de Bora e Xeve afectados pola construción do segundo tramo da Autovía A-57, entre A Ermida e Pilarteiros.
Asegura o representante popular que comparte a súa "preocupación" polo proxecto advertindo que tras dúas décadas dilatando a construción "non ten a mesma funcionalidade nin as mesmas necesidades" que cando foi deseñada no ano 2003.
Os veciños, posicionados en contra da A-57, piden outra alternativa menos prexudicial para os seus territorios que non contemple, entre outras cousas, as ligazóns que se pretenden realizar en Xeve ou a afeccións a casas e negocios de diferente índole.
Neste sentido Domínguez asegura entender a "incerteza dalgúns cidadáns que teñen vivendas herdadas que non saben se poderán habitar ou proxectos emprendedores que están en cernes" mentres esperan que se liciten as obras, e asegura ser sensible cos "efectos adversos" que a autovía poida xerar no rural pontevedrés.
Por todo iso, sinala o PP, a formación política avanza que solicitará a documentación pertinente ás administracións local, provincial e nacional para dar resposta ás "inquietudes" que trasladaron os veciños nesta reunión, á que tamén acudiron os concelleiros Iago Acuña e Pepa Pardo.