A concelleira non adscrita, María Biempica, ex edil do PP, logrou reunir o apoio de toda a corporación para aprobar as dúas mocións que presentou ao Pleno, nas que instaba ao deseño dunha planificación e xestión estratéxica e tamén solicitaba a instalación dunha horta urbana en Valdecorvos.
A concelleira non adscrita, que asegurou estar de acordo co modelo urbano aplicado en Pontevedra, bota en falta que este vaia máis alá e que se senten as bases para a renovación do modelo produtivo e industrial.
O concelleiro de ordenación do territorio, o nacionalista, César Mosquera, gabou o "espírito construtivo" da edil fronte á "negatividade" dos seus excompañeiros de filas aos que comparou con Atila.
Aínda que os populares avalaron as propostas de Biempica, ao xustificar o seu voto criticaron aspectos como a falta dun Plan Xeral de Ordenación Urbana algo que censurou "con cariño" a edil non adscrita invitando aos seus excompañeiros a "un cambio de actitude" para que "non utilicen a miña proposta para facer oposición". A moción dixo busca a colaboración de sectores económicos e sociais da cidade "que permitan pactar unhas pautas mínimas coas que todos nos sintamos identificados".
VECIÿOS DE SANTA CLARA
A concelleira Biempica tamén estivo moi activa no apartado de "rogos e preguntas" dirixíndose ao concelleiro de urbanismo, Antón Louro, para demandarlle que "agilice" a finalización das obras en Santa Clara e mentres non remata a obras "se señalice la calle correctamente". Unha petición que trasladaron á edil os comerciantes e veciños desta rúa nunha reunión mantida o pasado sábado.
Tamén pediu ao alcalde que organice unha recepción para os estudantes estranxeiros do campus de Pontevedra "en la que podría incluir un regalo de bienvenida, como hace su homólogo en Vigo, Abel Caballero".
CREMATORIO DE FUNESPAÿA
Pola súa banda, o concelleiro do grupo municipal do Partido Popular, Pablo Fernández, presentou unha moción para que o goberno local rexeitase a situación elixida pola empresa Funespaña, detrás do cemiterio para instalar o seu crematorio. Pablo Fernández referiuse ás últimas declaracións da empresa Funespaña nas que confirmaba a súa intención de seguir adiante co seu proxecto en San Amaro. O goberno local rexeitou esta moción na que tamén se demandaba a apertura dunha negociación con Funespaña para permutar os seus terreos por outros máis afastados.
Varios integrantes da plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste interrompeu coas súas protestas o discurso do concelleiro socialista Tino Fernández, mentres acusaba de "electoralismo e demagoxia" aos populares aos cales retou a dirixir estas cuestións á "Xunta do PP" xa que "é a que ten ás competencias neste eido".