Respaldo unánime a converter o antigo campo de fútbol de Praceres en zona deportiva e de lecer

Pontevedra
16 de novembro 2018

Sen fisuras. Así segue sendo, polo menos polo momento, a fronte municipal contra a ampliación da depuradora de Praceres. Demostrouse, unha vez máis, no pleno que a corporación celebrou este venres e onde por unanimidade de todos os partidos apoiaron converter os terreos do antigo campo de fútbol nun parque público con zona deportiva e de lecer

"Camposanto da dignidade" contra a ampliación da EDAR dos Praceres
"Camposanto da dignidade" contra a ampliación da EDAR dos Praceres / Diego Torrado

Sen fisuras. Así segue sendo, polo menos polo momento, a fronte municipal contra a ampliación da depuradora de Praceres. Demostrouse, unha vez máis, no pleno que a corporación celebrou este venres e onde por unanimidade de todos os partidos apoiaron converter os terreos do antigo campo de fútbol nun parque público con zona deportiva e de lecer.

Tratábase dunha proposta da plataforma veciñal de Lourizán que, ademais, reclamaban que o espazo de convivencia que se poida habilitar, se Costas dá a súa autorización, reciba o nome de Parque da Dignidade. Tería o menor impacto ambiental posible.

En caso contrario, esixen que o Estado obrigue a devolver estes terreos de dominio público marítimo terrestre ao seu estado orixinal.

O portavoz do PSdeG-PSOE, Tino Fernández, destacou que esta iniciativa "dificultaría" que eses terreos poidan ser utilizados para ampliar a EDAR e poder recuperar un espazo "degradado e infrautilizado", dando un uso colectivo a un lugar que está "a monte".

María Rey, pola súa banda, celebrou a "lección" que dá a sociedade civil á clase política, ao propoñer "soluciones encima de la mesa". A responsable de Cidadáns pediu "no dar la espalda" a Lourizán e "caminar de lado de los vecinos" para frear a ampliación da depuradora.

A esta petición sumouse a edil de Marea, Mari Carmen Moreira, que pediu converter o antigo campo de fútbol nun lugar "modélico" no que todos "nos sintamos a gusto", un espazo "común" que atenda as necesidades e a diversidade que existe en Lourizán, parroquia que "o ten merecido" tras as "tropelías" que sufriu.

Desde o BNG, o concelleiro Demetrio Gómez defendeu a "unidade de acción" fronte a unha actuación que a Xunta de Galicia "non termina de definir" e que, en todo caso, "agravaría" os problemas ambientais, económicos e sociais da ría. Por iso, pediu "poñer os intereses xerais por riba de calquera outra cousa".

Os populares, que inicialmente criticaron o rumbo que emprendeu a plataforma veciñal, acabaron por sumarse a esta iniciativa. Con todo, pediron dar "pasos máis sosegados" para opoñerse a un proxecto de ampliación que, segundo Rafa Domínguez, "acabaría por masacrar" á parroquia de Lourizán.

OUTRAS INICIATIVAS

O pleno da corporación tamén apoiou por unanimidade a proposta de Cidadáns para realizar unha revisión exhaustiva dos parques infantís da área urbana e do rural, para reparar e substituír de forma paulatina aqueles elementos de xogo que presentan deficiencias e poden supoñer un risco para os seus usuarios.

Tamén se aprobou de maneira unánime a moción coa que o PP solicitaba que o Concello cumpra co mantemento do parque forestal do Pontillón do Castro.

Toda a oposición forzou, co voto o contra do BNG, a aprobación da moción socialista para que se habilite un aparcadoiro disuasorio na zona de Eduardo Pondale a iniciativa do PP para que se realicen unha serie de intervencións en Monte Porreiro, adiantadas nun recente encontro dos populares cos veciños.

Pola contra, foron rexeitadas as propostas do PP para que o Concello deixe de financiar mediante publicidade á organización Galiza Nova, moción que só apoiou María Rey; e a moción de Cidadáns para facilitar o voto aos residentes da UE no municipio ante as próximas eleccións europeas e municipais, que contou co único respaldo de Marea.