Remata con éxito o concurso de decoración de Nadal en Caldas

Umia
08 de xaneiro 2024

Os premios recaeron nas ornamentacións da praza da rúa da Constitución, das rúas Fornos e Igrexa e do lugar de Reirís, na parroquia de San Andrés, que se repartirán 600 euros en vales para mercar no comercio local

Composición feita na praza da rúa da Constitución que levou o primeiro premio do concurso organizado polo Concello de Caldas de Reis
Composición feita na praza da rúa da Constitución que levou o primeiro premio do concurso organizado polo Concello de Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

Unha vez pasada a fin de semana de Reis, déronse a coñecer este luns os premios do 'I Concurso de decoración de rúas do Nadal', organizado polo Concello de Caldas de Reis.

Os premios recaeron nas ornamentacións da praza da rúa da Constitución, das rúas Fornos e Igrexa e do lugar de Reirís, na parroquia de San Andrés, que se repartirán 600 euros en vales para mercar no comercio local.

A decisión do xurado foi unánime, mais quixo destacar que todas as propostas presentadas tiveron unha gran calidade e orixinalidade na composición.

O xurado estivo composto por unha integrante da Coral Polifónica, outro da Asociación de Comerciantes do CCA de Caldas, outro da Asociación de Hostaleiros, o tenente de alcalde e o técnico de Cultura do Concello.

O tenente de alcalde Manuel Fariña subliñou que a implicación veciñal fixeron que a vila de Caldas lucise estas festas mellor ca nunca, completando a decoración instalada polo Concello. "Conseguimos que Caldas sexa un lugar moi agradable, atractivo para a xente dando vida ás nosas rúas. Temos que estar orgullosos da nosa vila poñendo en valor os nosos espazos públicos e traballando en conxunto. Este é o camiño para que Caldas despregue todo o seu potencial e gañe cada vez máis visitas". Manifestou, ademais, a intención de manter o Concurso de Decoración de Nadal en próximas edicións.

PREMIOS

Na praza da rúa da Constitución a composición estivo formada por un belén feito de madeira e palla e uns orixinais e coloridos Reis Magos con aparencia de gnomos. A esta proposta correspondeulle o primeiro premio, un trofeo e 300 euros en vales de compra.

O segundo premio recaeu na decoración de Nadal das rúas Fornos e Igrexa, na que destaca a vexetación e as figuras contorneadas de camelos levando agasallos. O galardón para este deseño é un trofeo e un vale de compra por 200 euros.

O terceiro premio foi para a orixinal proposta 'Nadal en Reirís', no lugar de San Andrés de César. Toda a decoración deste conxunto estivo creada con materiais de refugallo, como canas e zapatos vellos, vasos e botes de iogur, estrelas feitas con perchas vellas ou bonecos de neve con rodas gastadas.