Relacionan a fatiga pandémica co incremento de delitos de lesións, malos tratos, ameazas e coaccións

Pontevedra
20 de abril 2021

Maica Larriba, subdelegada do Goberno, presidía este martes a reunión da Xunta Provincial de Seguridade para analizar os datos de delincuencia e infraccións penais que se rexistraron durante os últimos 45 días na provincia. Tamén se detecta un aumento, respecto a 2020, nos delitos de estafas en Internet e no uso de tarxetas de crédito

Asistentes á Xunta Provincial de Seguridade
Asistentes á Xunta Provincial de Seguridade / Subdelegación do Goberno

Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, presidía este martes a Xunta Provincial de Seguridade para comprobar os datos de delincuencia e infraccións penais que se rexistraron durante o mes de marzo e a primeira quincena de abril na provincia.

Neste sentido, a máxima responsable provincial de seguridade sinala que en 2020 con motivo do confinamento os datos foron anómalos e, por tanto, non pode realizarse unha comparativa interanual xa que neste 2021 todos os índices se presentan superiores. Ademais, tamén en comparación cos meses anteriores aumentaron as infraccións debido a que se produciu unha maior mobilidade derivada do cambio na normativa sanitaria.

Larriba afirma que os roubos con violencia descenderon nun 30% na provincia e os roubos con forza en vivendas e establecementos diminuíron nun 25% en comparación co mesmo período no ano anterior, segundo informan desde a Subdelegación do Goberno.

Pola contra, os delitos de estafas na internet aumentaron ata nun 14,60% respecto a 2020. Tamén os delitos leves de estafas con tarxetas de crédito incrementáronse nun 178% no balance interanual.

Pero sobre todo, na reunión da Xunta de Seguridade detectouse un "preocupante aumento" das lesións, os malos tratos, as ameazas e as coaccións. No último mes estes delitos creceron nun 55% e consolídase durante a primeira quincena de abril. Segundo os responsables das forzas de seguridade, estas cifras estarían relacionadas coa "fatiga pandémica" como posible causa. 

OCUPACIÓN DE VIVENDAS

En 2020 detectáronse 51 ocupacións na provincia de Pontevedra, concentrándose nas grandes cidades. Maica Larriba apunta a que a maior parte das veces trátase de ocupacións de vivendas baleiras e, en moitos casos, de infravivendas. Trátase, segundo os datos que manexa a subdelegada, de ocupacións de poucos días de duración, xa que os infractores adoitan abandonar a vivenda tras a intervención policial.

No primeiro trimestre de 2021 producíronse 19 ocupacións. 6 delas permanecían desde o 2020 nun edificio propiedade dunha entidade bancaria e os seus ocupantes néganse a abandonalo. Por este motivo, a subdelegada afirma que a ocupación "non é un problema real na provincia, a diferenza do que ocorre noutras zonas do país".

Por Concellos, destacaron o descenso rexistrado en roubos con forza en vivendas que se observa no municipio de Pontevedra. Un 75% menos que durante o mesmo período do ano anterior. Pola contra, duplicáronse os furtos, pasando de 3 en marzo de 2020 a 6 no pasado mes de marzo. 

As estafas leves por internet incrementáronse nun 400%. No municipio de Pontevedra, en marzo de 2021, contabilizáronse 238 infraccións penais, unha cifra superior ás 138 rexistradas durante o mesmo mes de 2020.

En Vilagarcía de Arousa, rexistrábase un descenso do 33% dos roubos con forza en vivendas e nas subtraccións de vehículos, que se reduciron nun 50%. Pola contra, do mesmo xeito que no resto de cidades, as estafas con tarxetas de crédito aumentaron nun 100%.

Á reunión da Xunta Provincial de Seguridade asistían o tenente coronel e xefe accidental da  Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Manuel Touceda; o comisario xefe accidental da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Díaz; e a comisaria provincial da Policía Nacional, Estíbaliz Palma.