A área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés viviu unha das súas peores xornadas desde o inicio da pandemia de Covid, e é que os contaxios marcaron o seu pico máximo.
Segundo os datos actualizados este mércores polo Servizo Galego de Saúde, na última xornada contabilizáronse 82 contagios na área sanitaria. Este número de novos positivos unido a que só se rexistraron 24 altas epidemiolóxicas fixeron dispararse os casos activos de coronavirus ata os 785, o que supón 58 máis que o martes.
Este incremento deixouse notar nos hospitais, cun falecemento dun home de 87 anos que se converteu na vítima número 29 asociada ao virus desde o inicio da pandemia segundo os datos oficiais. Ademais o número de pacientes positivos por Covid ingresados creceu ata os 54 (+3). Deles 9 evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) e o resto atópanse en planta entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (39), Hospital do Salnés (3) e Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (3).
Ata a data superaron o coronavirus 2.370 persoas en Pontevedra e O Salnés, onde na última xornada realizáronse ata 864 probas PCR (+164 con respecto ao martes), que se engaden ás 61.933 efectuadas con anterioridade.
A nivel autonómico, Galicia rozou o seu máximo de novos positivos diarios con 682, o que coloca a cifra de casos activos en 7.535 a día 28 de outubro, é dicir, 461 máis que a xornada anterior. Deles 392 (-9) atópanse ingresados en planta dos distintos hospitais e 62 (+4) en UCI.
En Galicia recibiron o alta desde o inicio da alerta sanitaria 26.034 (+230) e faleceron 882 persoas, 2 delas no último día.