Un grupo de traballadores da Deputación iniciou unha recollida de sinaturas en apoio ao coordinador das brigadas do Servizo de Mobilidade que a semana pasada atopou toda a rúa na que vive chea de pintadas con insultos e ameazas contra a súa persoa.
No documento asinado polos seus compañeiros da administración provincial recóllese que con esta acción "se insultou, ameazou e atacou a dignidade de todos os traballadores do Servizo de Mobilidade".
Do mesmo xeito critican a resposta que deu o sindicato Comisións Obreiras que "xustificando este tipo de prácticas e, lonxe de rexeitalas e condenalas, calificaba as mesmas como normal dentro do conflito laboral que está a vivir o Parque de Maquinaria da Deputación".
Lembran que o sistema democrático actual dispón de distintos mecanismos para facer valer as reivindicacións, por iso lles "chama a atención" que "teñan que recurrir ao tipo de prácticas delictivas e ‘mafiosas’ que están a emplear contra traballadores e responsables políticos de esta administración".
Finalmente se dirixen ao sindicato Comisións Obreiras para que saiba que "cando forma parte destas prácticas, sin rexeitalas nin condenalas senón incitándoas, xustificándoas e apoiándoas, están a atacar, insultar, ameazar e coaccionar non a un traballador ou a un responsable político senón a todos nós".
POSTURA DO PP
Pola súa banda, a voceira do grupo provincial do Partido Popular, Nidia Arévalo dixo que "non estamos de acordo con este tipo de actitudes" e sobre as accions legais que anunciou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, dixo que "se ten que tomar medidas que as tome".
O grupo provincial do Partido Popular pediu este martes ao goberno da Deputación de Pontevedra que inicie o diálogo cos traballadores do parque de maquinaria e busquen unha solución consensuada para poñer fin a este conflito. Critican a "inacción" do goberno provincial, e piden ao goberno provincial que "reconduza" esta situación e estableza, "de forma urxente", o diálogo cos traballadores para "intentar rematar cun conflito que cada día parece agravarse máis".
Mediante unha moción que defenderán no próximo pleno provincial, os populares tamén esixirán que o bipartito "renuncie a desmantelar o Parque de Maquinaria, e que fagan un servizo rentable e optimizado".
Como explicou o deputado Luis Aragunde, a proposta que fixo a presidenta da Deputación "non é funcional nin operativa", xa que "as horas efectivas de traballo son case a metade".
Por este motivo, a deputada Nidia Arévalo adiantou que desde o grupo do PP esixirán que o parque funcione "ao 100 por cento".