Augas de Galicia está a estudar, mediante drons, as características da auga do oco mineiro de Ventoxo, en Forcarei, co fin de avaliar se cumpre os requisitos para facer achegas ao río Lérez.
A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, supervisou este mércores estes traballos enmarcados na busca de solucións alternativas por parte da Xunta para garantir as achegas ao caudal do Lérez, que abastece a Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo e Bueu.
Esta canteira ten unha capacidade de ente 0,2 e 0,5 hectómetros cúbicos, o que permitiría, de cumprirse as condicións necesarias, ofrecer unha certa reserva do recurso hídrico cara ao Lérez.
O obxectivo das analíticas elaboradas hoxe é confirmar se a auga encorada encorada ten a calidade necesaria para consumo humano e se é compatible coa vida do río.
De xeito máis detallado, os técnicos tomaron mostras en superficie, en altura media e en profundidade, chegando a un máximo de 30 metros e recollendo arredor de 20 litros de auga para a súa análise. Estas mostraxes permitirán medir a presenza de metais e de compostos orgánicos na auga.
Ademais realizouse un perfil da auga in situ para poder coñecer parámetros como a temperatura, o oxíxeno ou o PH.
Os traballos tamén contaron con técnicos do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, que tomaron mostras no río augas arriba e abaixo para avaliar a situación actual.
As mostras tomadas serán agora analizadas coa máxima prioridade para constatar se é viable esta solución para transvasar auga cara ao Lérez e garantir o caudal do río. No caso de que as analíticas sexan favorables, Augas de Galicia procederá a facer unha obra de emerxencia para transvasar a auga desde o oco mineiro cara ao rego Ventoxo, afluente do Lérez, para achegar caudal a este río.