A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) presentará alegacións ao novo emisario que levará as augas residuais urbanas dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio e parte de Vilaboa desde a saída da depuradora dos Praceres ata a contorna das praias de Portocelo e Aguete, onde se situaría a zona de difusores do emisario "con afección para o marisqueo e o baño".
O presidente da APDR, Antón Masa, explicou este mércores en rolda de prensa que non fai falta un novo emisario se se "toman medidas para mellorar a rede de saneamento e reducir caudais" e esixindo o "cumprimento da legalidade" das augas que saen da EDAR dos Praceres.
Por este motivo, entenden que se podía utilizar a primeira parte do actual emisario, ata a illa de Tambo, "prolongándoo logo cara ao Porto de Marín".
Así a APDR presentará unha "emenda á totalidade" na que rexeitan o anteproxecto "porque está condicionado á existencia dunha nova EDAR" que supostamente tería maior capacidade que a actual "e da que non se coñece o proxecto".
O colectivo ecoloxista esixe a retirada do anteproxecto do emisario, o sometemento a información pública do proxecto de nova depuradora e, no caso de que este fose aprobado, que se poña a información pública o anteproxecto do emisario.
Á marxe desta emenda de "carácter xeral" ou previo, a APDR presenta un bloque de quince alegacións que abordan aspectos concretos da memoria-anteproxecto do emisario e que "consideramos necesario modificar", sinalou Masa.
Apunta a APDR que o anteproxecto "non xustifica moitas das decisións" e deféndeas en función da dispersión da contaminación dos coliformes.
A asociación ecoloxista esixe o cumprimento da lexislación respecto a as augas que entran no emisario polo que rexeita a "filosofía" que aplica o anteproxecto do emisario de "curarse en saúde mandando as augas o máis lonxe posible". Tamén reprochan á Xunta que non contemple outras alternativas como a construción de novas depuradoras.
O deseño deste emisario considera "a priori" que non vai levar as augas da empresa Ence, o que chama a atención da APDR xa que "se parte da idea de que o actual emisario ten contaminado bateas, augas e litoral da illa de Tambo, pero permite que esa contaminación continúe coas augas de Ence".
Antón Masa sinalou que a falta de capacidade non é un problema do tubo do emisario senón da actual EDAR debido a que a rede de saneamento non é estanca e leva moitos caudais que non deberían ir á depuradora como son augas pluviais, de mar ou de mananciais.
Neste sentido Defensa da Ría avoga por sistemas de colectores separativos e non unitarios, e a intervención na rede de rede de sumidoiros garantindo a súa estanquidade e chamando tamén ás administracións para que fagan campañas de concienciación e favorecer un consumo responsable da auga.
Finalmente a APDR asegura que "haberá unha afección directa e importante durante as obras" xa que o tubo cruza os bancos marisqueiros e engaden o impacto que terá o edificio da cámara de carga e bombeo que vai ocupar unha das zonas, no recheo de Praceres, nas que aínda se pode ver o mar.