Raúl Santamaría admitía este luns en Pontevedra que despois dun ano e medio sendo o equipo imbatible no programa 'Reacción en cadena' aos Mozos de Arousa "gustaríanos outro final".
Raúl xunto ao seu irmán Borjamina e ao seu amigo Bruno Vila foron derrotados por 'Los Alhambraos', un equipo de Granada que chegou buscando a revancha.
"Cando nós chegamos ao programa, conseguimos botar a unhas de Granada. E estes chegaron dicindo que querían a 'reconquista'… e gañáronnos", resume Raúl o ocorrido onte.
O equipo vilagarcián terminou a 'Complicidad ganadora' con 7 acertos, a un segundo do oitavo que sería decisivo xa que os de Granada gañaron con 8 acertos.
O presentador, Ion Aramendi, non puido reprimir as bágoas e definiu a eliminación dos galegos como un "momento histórico".
"Despois de 400 programas, ter un día malo é algo que lle pode pasar a calquera. E tocounos e gañáronnos. A ver canto continúan", apunta Raúl Santamaría.
En todo caso, recalca que "é importante quedarnos cos momentos bos".
Non só polo premio de 2.630.177 euros, o paso por este programa televisivo mudou a vida deste tres arousáns.
"Pasas do anonimato a que a xente che pare pola rúa e te pidan fotos, a vivir acontecementos moi importantes ou que nos conviden a cousas que antes non tiñamos. E na conta corrente é un colchón moi importante para mozos como nós, que temos unha vida por diante e che dá unha alternativa a facer moitas cousas", explicou.
O único borrón nesta experiencia dos Mozos de Arousa viviuse nos últimos días despois de que Mediaset desmentise o anuncio de Algo Pasa TV que comunicaba que os vilagarciáns se encargarían xunto ao presentador Ion Aramendi de dar Badaladas de Telecinco desde Lanzarote.
"Recibimos a noticia poucos días despois de ter ese acordo verbal oficial de que iamos dar as badaladas, de que non ía poder ser. Foi unha pena porque para nós era unha forma de pechar este ano con toda esa xente nun día moi especial. Tristes, pero moi contentos por todo o vivido neste tempo", comentou Raúl Santamaría.
Entre eses cambios vividos por este tres mozos, o máis rechamante é o do propio Raúl que se meteu de cheo na política e é deputado polo PP.
Precisamente o seu xefe de filas, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda non deixou pasar a ocasión de felicitar aos arousáns pola súa traxectoria no concurso do Telecinco.