Rajoy, con dous dedos vendados: "No se lo diga a nadie. Fui yo solo"

Pontevedra
02 de abril 2018
Actualizado: 16:31

A foto curiosa da vista ás obras da A-57 protagonizouna Mariano Rajoy, que tiña unha vendaxe en dous dedos da man dereita. Non admitiu preguntas no acto, pero un xornalista logrou 'coar' unha pregunta e explicoulle que se había autolesionado durante as súas vacacións de Semana Santa en Sanxenxo: "Me di un golpe"

Mariano Rajoy, con dous dedos vendados, na visita ás obras da A-57
Mariano Rajoy, con dous dedos vendados, na visita ás obras da A-57 / Mónica Patxot

Era o primeiro acto oficial -non de partido- de Mariano Rajoy en Pontevedra desde que foi nomeado persoa non grata e o primeiro no que coincidía co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, desde que o nomearon presidente do Goberno. O interese estaba servido e todo xesto e paso de cada un deles se escudriñou ata a saciedade, pero, finalmente, non quedou ningunha imaxe para a historia máis aló de saúdos e intercambios de palabras formais. A foto curiosa do día, de feito, protagonizouna Rajoy en solitario, con dous dedos vendados.

A vendaxe de Rajoy en dous dedos da man dereita non pasaba desapercibida a ningún dos asistentes á visita ás obras da A-57 este luns e os xornalistas acreditados non quixeron desaproveitar a oportunidade de preguntarlle por tan inusual imaxe.

O presidente do Goberno non admitiu preguntas no acto, no que deu un discurso de 13 minutos centrándose en infraestruturas e en novidades dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE), pero, xusto antes de entrar no coche para abandonar a zona, un informador logrou 'coar' unha pregunta sobre o particular. Sobre o resto de temas de actualidade, xa foran advertidos de que o presidente non falaría.

"Me di un golpe. En Sanxenxo. No se lo diga a nadie. Fui yo solo", foi a concisa resposta de Mariano Rajoy, explicando que todo sucedeu durante as súas vacacións de Semana Santa en Sanxenxo. Xusto despois, entrou no coche, pechou a porta e abandonou o lugar de Pintos, en Marcón, onde se realizou o acto nunha carpa enmoquetada.

A pesar de que a xornada deste luns amenceu con choiva e agardábanse precipitacións durante todo o día, a auga respectou o acto e non empezou a chover ata uns minutos despois de que a maioría das autoridades presentes abandonasen a zona. Quedaban baixo a carpa instalada para a ocasión tan só os políticos locais e técnicos da obra. 

A representación política local non foi pouca. Na comitiva había tres alcaldes de tres cores políticos distintos: Lores (BNG); o alcalde de Vilaboa, Luís Poceiro (PSOE); e o homólogo de Sanxenxo, Telmo Martín (PP). O tramo da A-57 que está en obras une dous puntos dos municipios de Pontevedra e Vilaboa, de aí a presenza dos seus rexedores. A asistencia de Telmo Martín chamaba a atención, pero el moveuse coma se estivese na súa casa, con conversacións e contactos moi cordiais e en confianza cos presentes. 

Non faltaron á cita un nutrido grupo de concelleiros do PP de Pontevedra, co seu portavoz, Jacobo Moreira, á cabeza, e tampouco os concelleiros do BNG pontevedrés Anabel Gulías e Demetrio Gómez e a líder nacionalista de Vilaboa, Ornela Fernández. 

Xunto a Rajoy situáronse no 'estrado' para os discursos o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna. Ademais, entre os presentes atopábanse o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices; o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; a subdelegada do Goberno en Pontevedra; Ana María Ortiz; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; ou a senadora pontevedresa do PP Pilar Rojo. 

Alfonso Rueda, tamén presidente provincial do PP, e Lores tamén deixaron unha imaxe que non pasou desapercibida para os presentes, pola frialdade da súa relación. A pesar de que ambos se situaron na entrada da carpa a apenas uns centímetros de distancia para recibir a Rajoy, os seus xestos non foron amigables e mesmo se deron as costas. 

Arquivado en