Rafa Domínguez trata o tema da depuradora cos afectados de Praceres, que tamén rexeitan a creación do novo emisario

Pontevedra
15 de outubro 2018

O portavoz municipal do Partido Popular afirma que é necesaria unha mellora nestas instalacións pero manifesta que apoia os veciños contrarios á ampliación da EDAR. 

Rafa Domínguez con veciños de Praceres que se opoñen a ampliación da EDAR
Rafa Domínguez con veciños de Praceres que se opoñen a ampliación da EDAR /

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, achegábase na mañá deste domingo ata a parroquia de Lourizán para manter un encontro con representantes veciñais contrarios á ampliación da depuradora dos Praceres. Domínguez quixo manifestarlles o seu apoio con motivo da concentración que os afectados organizan todos os domingos.

O portavoz municipal do PP explicou que a actual depuradora "non depura" e é necesario, segundo comentaba, unha mellora porque entende que se está prexudicando á ría de Pontevedra. Rafa Domínguez indicou que corresponde ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ofrecer unha alternativa. "Se se opón á ampliación debe explicar que é o que quere", comentou o representante do PP.

Durante este encontro, Rafa Domínguez dixo que ata agora o goberno local nunca mostrou a súa oposición á ampliación da actual EDAR e esixe a Lores "que deixe de mentir aos veciños". Lamentou tamén que o goberno de Lores, tras catro meses, continúe sen recibir os veciños afectados. "Lores sabía perfectamente o que se ía a facer, nunca se opuxo e por iso non quere dar a cara ante os veciños porque resultaría moi difícil de explicar esta postura", recalcou.

Rafa Domínguez comunicáballe o pasado xoves á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a necesidade de revisar a proposta de ampliación da depuradoracara ao campo de fútbol para que a Xunta busque outras alternativas.

REXEITAMENTO VECIÑAL AO NOVO EMISARIO 

Os veciños de Lourizán decidiron este domingo en asemblea que defenderán unha postura de oposición ao proxecto da Xunta do novo emisario, en fase de exposición pública. Afirman que os motivos do rexeitamento a este proxecto son que supón unha ampliación encuberta e constitúe "a primeira pedra da ampliación".

Apuntan a que no anteproxecto consta que a canalización para a EDAR sería común para os concellos de Pontevedra, Marín, Poio e parte de Vilaboa cun horizonte de futuro de varias décadas. Deste xeito, entenden que este emisario só pode xustificarse coa ampliación da depuradora de Praceres, á que son contrarios, para que Pontevedra siga a centralizar o saneamento destes municipios.

Este colectivo de afectados reclama a creación de estacións depuradoras en Marín e Poio