Rafa Domínguez traslada a Ethel Vázquez a preocupación veciñal pola ampliación da EDAR

Pontevedra
12 de outubro 2018

Domínguez reuniuse na tarde deste xoves coa conselleira para comprobar de primeira man a marcha dos proxectos na cidade. En relación coa EDAR, ambos coincidiron na necesidade de sanear a ría de Pontevedra

Rafael Domínguez e Ethel Vázquez
Rafael Domínguez e Ethel Vázquez / PP de Pontevedra

O candidato do Partido Popular en Pontevedra, Rafa Domínguez, trasladou á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a preocupación dos veciños ante o proxecto de ampliación da depuradora dos Praceres.

Segundo informou o PP a través dun comunicado, Domínguez reuniuse na tarde deste xoves coa conselleira para comprobar de primeira man a marcha dos proxectos na cidade. En relación coa EDAR, ambos coincidiron na necesidade de sanear a ría de Pontevedra, un proxecto no que consideran que "non se poden esquivar responsabilidades e que merece altura de miras".

Domínguez tamén expuxo á conselleira a postura que defendeu no pasado pleno municipal, a necesidade de revisar a proposta que aposta por ampliar a depuradora cara ao campo de fútbol e a importancia de exporse outras alternativas.

Domínguez considera que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, debe ser o que propoña solucións, xa que a mellora da depuradora actual non é suficiente para unha correcta depuración do municipio de Pontevedra, mesmo sen que Poio e Marín leven as súas redes de saneamento a Os Praceres.

"Se Lores non quere a ampliación dos Praceres, debe dicir onde se sitúa a nova depuradora. Pola contra, estará a aprobar o proxecto de ampliación en Os Praceres, como fixo nas once reunións do plan de saneamento que se celebraron no últimos tres anos e nas que nunca mostrou a súa oposición", indicou.  

Por outra banda, desde o BNG de Marín mostraron este venres a súa "profunda preocupación" polo proxecto de ampliación, pois ademais de ampliar as instalacións tamén consideran que sacou á luz a intención de que o novo emisario submarino da ría desembocará á altura da praia de Portocelo, o que implicará que Marín recibiría todos os residuos da ría de Pontevedra.

O BNG de Marín insiste en que non pode aceptar unha proposta que supoñerá trasladar as verteduras dos concellos de Pontevedra, Marín e Poio e os de ENCE ás praias de Marín. Ademais, consideran que non se pode pasar por alto que esta proposta ten como obxectivo principal dar solución aos residuos de ENCE, que financiará a práctica totalidade das obras de mellora provisional da depuradora (15 dos 16 millóns do orzamento).

Por outra banda, consideran moi rechamante que desde que se fixo público tal anuncio non tiveron ningunha comunicación pública do goberno local ao respecto.