Rafa Domínguez, portavoz do PP de Pontevedra: "Son moi pesimista co futuro de ENCE en Pontevedra"

Pontevedra
19 de xaneiro 2022

O presidente local do Partido Popular manifestou a súa preocupación polas declaracións da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, que sinala Cerceda e As Pontes como dúas das posibles localizacións para a fábrica pasteira. Domínguez demanda unha explicación por escrito do Goberno central sobre a adscrición dos terreos de Lourizán ao Porto de Marín

Rafa Domínguez, portavoz do PP de Pontevedra
Rafa Domínguez, portavoz do PP de Pontevedra / Mónica Patxot

Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular e portavoz da oposición municipal, expresaba este mércores a súa preocupación ante as manifestacións realizadas por Teresa Ribera, ministra de Transición Ecolóxica, nas que citaba a Cerceda e As Pontes como posibles localizacións para instalar a fábrica pasteira de Ence ao tratarse de espazos con terreos industriais.

Segundo o representante popular "alguén do PSOE e do goberno local enganou aos pontevedreses e aos traballadores", facendo referencia a que se trasladou a mensaxe de que se podían estudar alternativas para unha nova localización da fábrica na comarca.

"Eu non quero que os traballadores e familias marchen", expresou Rafa Domínguez, comparando a situación á que se enfronta o persoal de Ence coa que sufriron anteriormente os de Elnosa cando se pechou a súa factoría en Lourizán. O portavoz do PP expresou que "emigrar ten que ser moi triste" e no caso de Ence, alegou, afectaría a 400 familias. 

Tamén indica que Teresa Ribera "en ningún momento fala de problemas de contaminación de Ence" para o seu traslado. "O mantra de que contamina queda fóra", argumentou para preguntarse: "por que ten que irse de Pontevedra? Dáme moita tristeza".

Insistiu na opción de que os terreos que actualmente ocupa a fábrica en Lourizán se adscriban ao Porto de Marín e demanda ao Goberno Central un informe "por escrito" no que expoña a súa posición respecto a esta alternativa, referendada polo Consello Consultivo de Galicia.

Expuxo que se a fábrica de Ence pecha e as familias ven obrigadas a trasladarse ás Pontes, a Cerceda ou a Navia, "sempre perde Pontevedra" e, neste sentido, explicou que calquera opción que supoña o traslado da empresa fóra de Pontevedra "veña de quen veña" contará coa oposición do Partido Popular de Pontevedra. Domínguez aclarou que esa oposición será mesmo contra o seu propio partido no caso de que se manifeste a favor dun cambio de localización de Ence.

Nos últimos días, tanto Alberto Núñez Feijóo como Alfonso Rueda, presidente e vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, tamén manifestaron o seu desacordo co Goberno central e a súa aposta pola adscrición dos terreos por parte da Autoridade Portuaria de Marín.

"Para Pontevedra é igual de malo que Ence peche ou que se vaia ás Pontes. É igual de malo. Eu son moi pesimista co futuro de Ence en Pontevedra", expuxo Rafa Domínguez engadindo que esa posibilidade se convertiría nun "drama" para Pontevedra e para as familias afectadas.

Durante este mes de xaneiro, a fábrica pasteira situada na ría de Pontevedra atópase na súa parada técnica anual que, segundo a empresa, vai prolongarse ata o 25 deste mes.

Arquivado en