As festas de época son xeradoras de importantes movementos económicos alá onde se celebran e Pontevedra ben o sabe. Un dos sectores beneficiados por estas citas festivas, é o que ocupa profesionalmente a Marina Navarro, deseñadora, modista e propietaria de Melibea Medieval, invitada deste Cara a cara.
Son datas de traballo desbordante; pero non as únicas. Esta semana toca Ponte Coqueta e coa mesma traxes de charlestón, cabaret, burlesque ou as icónicas pin- ups. Ao mesmo tempo ultiman os encargos para Feira Franca e atenden a quen opta polo aluguer de traxes. Para os seus deseños remítese aos libros, revistas, cadros, películas e como non, series. Tal é así que o sector masculino é o que en maior número tenlle pedido traxes inspirados na celebérrima 'Juego de Tronos'.
En canto a elas: "hoxe as mozas son guerreiras" afirma Mariña e de feito, a primeira Xena - princesa guerreira - que se paseou pola Feira Franca, saíu da súa confección. Segue innovando nas indumentarias medievais; para a pasada edición sacou algunhas zíngarase para a inminente Feira Franca sumaranse algunhas máis. Recrea e engade creatividade para facer ponibles as vestimentas medievais, xa que unha recreación exacta sería en moitos casos imposible de levar.
Traballa con gasas, sedas, veludos, brocados, lonas finas, algodóns, liños, peles ou pelo. Confeccionou igualmente traxes de romanos ou castrexos para o Arde Lucus de Lugo; para a Arribada de Baiona, a Festa Corsaria de Marín, a Noite Pirata pontevedresa, para o sector teatral e mesmo para parellas que queren casar acordes co Medievo.
Steampunk
Para o Cara a cara de PontevedraViva Radio, Mariña Navarro, tráese varias fotografías dun estilo no que leva traballando desde o ano pasado: o steampunk. Un movemento retrofuturista auspiciado pola literatura, pero que progresivamente foi instalándose en múltiples disciplinas artísticas. Ata a data só ela realiza este tipo de creacciones en Pontevedra; deseños que lle solicitaron en eventos públicos e privados dentro e fóra da cidade.