RADIO.- A mediación, un proxecto premiado por emprender e avanzar

Pontevedra
24 de maio 2018

Neste Cara a cara de PontevedraViva Radio Nacho Fernández e Ángel Torres, gañadores dos premios Incuvi Emprende 2017 e Incuvi Avanza 2018, fálannos do seu proxecto gañador, a Mediación Móbil, unha ferramenta de resolución de conflitos moi solicitada como alternativa á vía xudicial

Cara a Cara con Ángel Torres e Nacho Fernández
Cara a Cara con Ángel Torres e Nacho Fernández

Nacho Fernández e Ángel Torres fixéronse un oco no mundo empresarial resolvendo conflitos. O seu proxecto de 'Mediación Móbil' foi galardoado cos premios Incuvi Emprende 2017 e Incuvi Avanza 2018, e tamén foi finalista no II Vodafone Connecting For Good Galicia.

A súa proposta consiste en mediar nun problema entre dúas partes, atopando solucións que beneficien a todos a través do diálogo, desde a confidencialidade, a imparcialidade e a neutralidade, explican en PontevedraViva Radio.

A mediación é unha ferramenta moi solicitada actualmente como alternativa á vía xudicial, que se presenta moitas veces como un proceso engorroso, pouco económico, e que pode chegar a aumentar as tensións. De maneira presencial, ou desde a súa plataforma online, traballan para solucionar enfrontamentos que poidan xurdir no ámbito educativo, mercantil, civil, familiar ou deportivo.

Os premios Incuvi da Universidade de Vigo están destinados a fomentar as iniciativas empresariais dos alumnos e titulados, dándolles apoio, formación e un espazo para facilitarlles ao máximo o desenvolvemento das súas propostas. Todo nun ambiente de traballo profesional e, o máis importante, con saídas. O proxecto destes dous mozos pontevedreses que xa crearon a súa propia empresa é a proba de que é posible.

Nesta entrega de Cara a cara fálannos desta experiencia e do seu proxecto. Máis información en mediacionmovil.es e mediacioneducativa.es; e no correo electrónico info@mediacionmovil.es.