Que pasou cando Ana Pastor utilizou un caixeiro a dous metros da mesa de recollida de sinaturas contra Elnosa?

Pontevedra
17 de decembro 2016

Leonor González "Nené", da APDR, aproveitou para falar coa presidenta parlamentaria e co seu marido, José Benito Suárez Costa, que levaron folletos do colectivo ecoloxista. Segundo afirmou a integrante da APDR, Ana Pastor díxolle que ela non asinara a continuidade de Ence na ría pontevedresa 

Ana Pastor utiliza un caixeiro situado a uns metros da mesa de recollida de sinaturas contra Elnosa / PontevedraViva

Das tres oficinas que o Banco de Santander ten no centro de Pontevedra, Ana Pastor, presidenta do Congreso español, decidiu acudir na mañá deste sábado á situada na rúa Michelena. Ata o caixeiro situado na esquina coa rúa Oliva achegouse acompañada do seu marido José Benito Suárez Costa, presidente da Autoridade Portuaria de Marín. O que non se esperaba a ex ministra de Fomento era atopar na praza da Peregrina ás 12.30 horas do mediodía tanta actividade reivindicativa.

Como é habitual os sábados, concentrábanse os integrantes da marea branca que defenden a sanidade pública e xunto ao loro Ravachol, varios membros da Asociación pola Defensa da Ría, vestidos con monos brancos e portando máscaras e globos negros, recollían sinaturas para evitar que Elnosa obteña unha prórroga que lle permita seguir mantendo a súa actividade nos terreos de Lourizán.

Unha das activistas da APDR, Leonor González "Nené" achegouse á presidenta da Cámara Baixa mentres gardaba cola para realizar as súas operacións no caixeiro automático. Segundo indicaba despois, Nené reprochoulle, durante a conversa, a concesión de 60 anos de prórroga a Ence, ao que Ana Pastor contestoulle que ela non asinara a continuidade da factoría en Lourizán.

A representante do colectivo ecoloxista indicou que se coñecen desde hai moitos anos e que en 2015 xa mantiveran outra conversa sobre a presenza de Ence e Elnosa na ría pontevedresa. Mentres a representante do PP realizaba as súas operacións no caixeiro, Nené mantiña un animado diálogo con José Benito Suárez Costa ante a mirada de varios curiosos que, sorprendidos, observaban a escena. Unha vez que Ana Pastor concluíu no caixeiro despediuse da veterana ecoloxista que non tivo reparo en obsequiala con folletos que a APDR repartía contra a prórroga da electroquímica Elnosa na súa actual localización. "E colléronos, claro que si", afirmaba Nené.

Benito Andrade, da APDR, sinalaba que co acto deste sábado de recollida de sinaturas na praza da Peregrina inician unha campaña para solicitar que a administración paralice a tramitación da autorización ambiental a Elnosa. Segundo apuntou, a asociación teme que o proceso finalice coa ampliación da concesión para permanecer en Lourizán.

Andrade indicou que existe unha amizade entre o PP, a empresa e a administración, que está a facilitar o camiño para que continúe na ría. Apuntou a que en 2011 a electroquímica tiña que presentar un proxecto de substitución da tecnoloxía de mercurio e non o fixo. Por tanto, engadiu, ante a Unión Europea calquera tramitación legalmente non sería viable.

Arquivado en