A planta de compost da Canicouva volveu este xoves a situarse no centro do debate político pontevedrés. Todo iso polo debate que se producira un día antes no Parlamento. O PSdeG-PSOE quedou só reclamando á Xunta que rexeite a construción de calquera planta de xestión e tratamento de residuos no Concello de Pontevedra e os ecos do dito no Hórreo chegaron á escena municipal.
Para o candidato socialista á Alcaldía, Agustín Fernández, o PP e o BNG abandonaron os "eufemismos" e acúsalles de apostar claramente por unha planta de tratamento de residuos "que supón que á Canicouva vaise traer e botar todo tipo de lixo" e non só unha planta de compost como se anunciara. Populares e nacionalistas, dixo, terán que explicar o seu respaldo ao "embrión" do que será a "Sogama do sur de Galicia".
Fernández afirmou que o acordo entre ambos os dous partidos "vai máis alá do pacto entre Lores e Louzán", xa que entende que os seus intereses neste asunto "son os mesmos". Algo que se confirmará, sinalou, cando a Xunta anuncie a súa colaboración económica con este proxecto. "Nós non nos inventamos nada", reiterou o socialista, porque asegura que no protocolo asinado entre Deputación e Concello "se fala dunha planta de tratamento de residuos".
En todo caso, Agustín Fernández negou que o PSdeG-PSOE estea só na súa postura contra a planta de compostaxe porque "temos ao noso lado" ás comunidades de montes ou asociacións de veciños e presumiu de que "cada vez temos máis apoios". Aínda así, afirmou, "se así fora e estivéramos solos os socialistas seguiríamos a defender que Pontevedra non pode ser a capital provincial do lixo".
Ademais, criticou directamente o voceiro municipal do PP, Jacobo Moreira, ao que acusou de "esconderse detrás doutro compañeiro para non participar no debate parlamentario" e de "calzarse ás botas" para dicirlle aos veciños de Ponte Sampaio que lles apoia "e días despois votar o contrario". Trátase dunha conduta, dixo, propia de "malabaristas" e aconsellou os populares que "reflexionen" sobre a súa elección para a candidatura á Alcaldía.
LORES REITERA QUE SERÁ "SOLO" UNHA PLANTA DE COMPOST
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, reiterou unha vez máis que o que se instalará na Canicouva "só é unha planta de compost". Afirma que se despois alguén fai "elucubracións que non son reais", como o candidato socialista, "alá eles". Neste sentido, negou que a posible colaboración coa Xunta para integrar esta planta no Plan de Residuos Urbanos de Galicia vaia provocar que esta planta acolla outro tipo de residuos.
Tamén se referiu Fernández Lores a Jacobo Moreira, do que dixo ter "certas dificultades" para entender a postura de "os dous PP". Sinalou que se os populares a nivel local non coinciden coa súa formación provincial e autonómica o problema é deles " aínda que si indicou que o voceiro popular en Pontevedra "non se aclara". En canto á súa oposición a este proxecto, recordou que o lugar elixido está "moi alonxado" de núcleos habitados.
MOREIRA DEFÿNDESE E AVISA: "NO VAMOS A APOYAR LA PLANTA"
Aludido por uns e outros, Jacobo Moreira explicou a PontevedraViva que no PP non existe diferenza ningunha nos seus posicionamentos. Vista a oposición á planta de compostaxe en ponte Sampaio o candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra reitera que "no vamos a apoyar" este proxecto. Avanza que calquera convenio sobre este asunto que se leve ao Pleno municipal "no va a tener nuestro voto a favor".
Moreira afirma que o PP mantén no Parlamento a "misma postura" que en Pontevedra. Explica que os populares presentaron unha emenda á proposición do PSdeG-PSOE na que se incluía que calquera proxecto relacionado coa xestión de residuos debía contar co respaldo da corporación municipal e que non houbese oposición entre os veciños "y no la aceptaron, por eso votamos en contra".
Reitera que resulta "llamativo" que o PSdeG-PSOE se quedase só neste asunto e non lograse apoio ningún nos partidos da oposición. Pero sobre todo moléstalle, di, que os asuntos "matrimoniales" do bipartito municipal cheguen ao Parlamento. Lamenta que as discrepancias entre os socialistas e os nacionalistas "diesen el salto" á cámara autonómica, o que asegura "no es una buena imagen para Pontevedra".