Os fondos mariños dos portos deportivos e pesqueiro serán obxecto o próximo 3 de febreiro dunha limpeza. A actividade enmárcase dentro da obra social de Abanca a través do seu Plan de Conservación Territorial-ON.
A actividade coorganizada pola Confraría de Pescadores de Sanxenxo, Nauta Sanxenxo e o Real Club Náutico está aberta á participación previa inscrición en calquera dos tres organismos para que se poida tramitar o pertinente seguro do voluntario a través da entidade bancaria. A superficie da lámina de auga obxecto de limpeza alcanza os 35.000 metros cadrados.
Durante os traballos, de 9:15 a 13:30 horas, unha embarcación do servizo de Emerxencias Sanxenxo vixiará o acceso aos portos para que non entre nin salga ningunha embarcación. A limpeza realizarase desde auga e terra que será onde se realice a clasificación dos residuos, o pesado e a pertinente xestión dos mesmos.
O Plan de Conservación Territorial-ON é un plan multidisciplinar cuxo obxectivo principal é fomentar a conservación e a sustentabilidade das actividades socioeconómicas realizadas no mar, especialmente na área de influencia das Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) de ámbito mariño de Galicia, Rede Natura 2000, tratando de inculcar unha conciencia sostible en todos os sectores sociais, especialmente no pesqueiro.
Tras as tarefas de limpeza, realizarase un aperitivo para os participantes no Real Club Náutico.