A Audiencia de Pontevedra impuxo a pena de prisión permanente revisable a José Luis Abet, o home que asasinou a tiros á súa ex esposa Sandra Boquete, á súa ex cuñada Alba e á súa ex sogra María Elena, en Valga (Pontevedra) en 2019.
De acordo co veredicto do tribunal do xurado que achou a Abet culpable de tres delitos de asasinato, a sección segunda da Audiencia pontevedresa condenouno a 24 anos de cárcere por matar a súa ex muller e 23 anos e medio polo asasinato da súa exsogra.
Pola morte da súa excuñada, ao ser condenado por estes dous asasinatos, impónselle a prisión permanente revisable, tal e como establece o artigo 140.2 do Código penal.
Os maxistrados tiveron en conta, nos tres delitos, a agravante de cometelos por discriminación por razón de xénero e a atenuante de colaboración.
Ademais, José Luis Abet foi condenado a nove anos de prisión polas lesións psíquicas que estes crimes produciron sobre os seus dous fillos, que presenciaron a matanza; e outros dous anos de cárcere por un delito de tenencia ilícita de armas.
O tribunal, a maiores, tamén lle impuxo a prohibición de residir no termo municipal de Valga durante 32 anos e prívao definitivamente da patria potestade sobre os seus fillos.
En canto ás indemnizacións, o autor deste triplo asasinato terá que pagar 400.000 euros a cada un dos seus dous fillos, 300.000 euros ao marido de María Elena e pai das outras dúas vítimas e 120.000 euros á nai de María Elena, avoa de Sandra e Alba.
Outros 55.000 euros recibirán cada un dos cinco irmáns de María Elena, tíos de Sandra e de Alba; e 80.000 euros a parella sentimental de Alba.
O tribunal considera probado que José Luis Abet matou as tres mulleres "de maneira intencionada", despois de acudir á vivenda da súa ex muller, o 16 de setembro de 2019, "coa intención de acabar coa súa vida".
Fíxoo portando un revólver co número de identificación borrado que adquirira días antes xunto cunha caixa de munición, a pesar de que non tiña licenza de armas.
Bloqueou co seu coche a entrada da leira para lograr que a súa ex muller, que saía de casa para levar aos seus dous fillos ao colexio, se vira obrigada a deterse, momento que aproveitou para dispararlle catro tiros, un na cabeza, dous no pescozo e un cuarto no peito.
Fíxoo en presenza dos seus dous fillos, que estaban nos asentos traseiros do coche da súa nai, e de maneira "sorpresiva", o que provocou que a súa ex esposa "non tivese posibilidade algunha de defenderse".
Cando José Luis Abet marchaba co seu coche, despois de matar a Sandra, cruzouse co vehículo no que ían as outras dúas vítimas, a súa ex sogra María Elena e a súa exc uñada Alba, que recibiran unha chamada de auxilio por parte de Sandra.
Ao velas, este deu a volta co coche e perseguiunas ata a casa de Sandra, onde disparou catro veces contra a súa ex sogra e outras tres contra a súa ex cuñada, matándoas no acto e sen que puidesen defenderse.
Os tres crimes cometeunos, segundo considera probado o tribunal popular, porque Abet sentía un "profundo desprezo" pola súa ex parella, "á que consideraba inferior pola súa condición feminina" e á que matou, engadiron, "como acto de imposición e dominación".
Ademais, subliña o tribunal, "quixo expresamente" que os seus fillos presenciasen os crimes "co consecuente sufrimento que supoñía para eles", razón pola que as matou cando se dispoñían a ir ao colexio, sendo "plenamente consciente" de que estaban diante.