Presentadas once ofertas para a xestión e mantemento da depuradora dos Praceres

Pontevedra
08 de marzo 2022

Garántese así o funcionamento das instalacións durante os vindeiros dous anos, prevendo o novo contrato a posibilidade de prórroga por un máximo de 36 meses

Depuradora dos Praceres
Depuradora dos Praceres

Augas de Galicia recibiu un total de 11 ofertas para a xestión e o mantemento da depuradora dos Praceres e as súas instalacións asociadas, para os vindeiros 2 anos.

Das 11 ofertas presentadas a este contrato, licitado por un importe de 10.192.193 euros, 7 delas están conformadas por UTE, o que supón un total de 20 empresas.

O contrato licitado abrangue a xestión e conservación das actuais instalacións dos Praceres, que recibe e trata as augas residuais dos concellos de Pontevedra, Marín e Poio, por un prazo de execución de 24 meses. O contrato prevé tamén a posibilidade de prórroga por un prazo máximo de 36 meses máis. Isto eleva o valor estimado a algo máis de 24 millóns de euros, tendo en conta o importe correspondente ás prórrogas contractuais e tamén as variacións á alza previstas para as cantidades de reactivos a dosificar e de residuos a tratar.

Tendo en conta os elevados custos enerxéticos do sistema de depuración, o novo contrato de explotación exclúe a xestión enerxética, que asumirá a Xunta a través dun mecanismo centralizado, co obxectivo de minorar o impacto da factura eléctrica.

A construción da depuradora dos Praceres está declarada de interese xeral da Comunidade Autónoma, sendo Pontevedra a única gran cidade na que o Concello non xestiona a depuradora municipal. O Concello de Pontevedra transferiulle a Augas de Galicia no ano 2007 o servizo de mantemento da depuradora dos Praceres, que recibe e trata as augas residuais dos concellos de Pontevedra, Marín e Poio. 

Naquel momento, as instalacións limitábanse a ofrecer un tratamento físico-químico e posteriormente foron ampliadas para completar a depuración con tratamento secundario e desodorización, entre outras melloras.

Desde o outono do pasado ano están funcionando en fase de probas os novos sistemas de tratamento no marco do contrato das obras de mellora executadas pola Xunta. Tras un investimento autonómico de 16,5 millóns de euros, a reforma tecnolóxica executada permitirá mellorar a curto prazo a depuración das augas residuais e dar cumprimento aos límites de vertido marcados pola directiva europea.