"Praceres non quere ser unha ONG de recollida de cacas"

Pontevedra
28 de setembro 2018

A parroquia de Lourizán manifestou de xeito unánime o rexeitamento ao proxecto para ampliar a depuradora presentado por Augas de Galicia e aprobou un calendario de "mobilización continúa", que inclúe concentracións e manifestacións, comezando este venres cun acto de protesta no pleno do Concello de Pontevedra

Veciños dos Praceres protestando no Pleno municipal
Veciños dos Praceres protestando no Pleno municipal / Mónica Patxot

Un baixo parroquial ateigado pola veciñanza de Lourizán acolleu a segunda asemblea en oposición á ampliación da depuradora dos Praceres. A parroquia manifestou de xeito unánime o rexeitamento ao proxecto presentado por Augas de Galicia e aprobou un calendario de "mobilización continúa", que inclúe concentracións e manifestacións, comezando este venres cun acto de protesta no pleno do Concello de Pontevedra.

Ademáis pretenden levar a cabo a "ocupación simbólica" do campo de fútbol desmantelado onde agora a Xunta propón construír a nova depuradora.

Tamén iniciarán unha rolda de contactos con partidos políticos, asociacións ecoloxistas e veciñais ou as confrarías na búsqueda de apoios. No caso dos primeiros tamén esixen que cada partido político se posicione "claramente", xa que consideran importante que cada veciño sepa que partido apoia a ampliación e cal non "cando vaia votar nas próximas eleccións municipais".

Esta plataforma lembra que esta estación dá servizo á totalidade da poboación do Concello de Pontevedra, ao de Marín, ao de Poio e a parte dos Concellos de Ponte Caldelas e Vilaboa. A sobrecarga e o escaso funcionamento provocan un mal funcionamento, en ocasións un non funcionamento, que remata por verter as fecais á praia dos Praceres, concretamente no banco marisqueiro, "e provoca unha calidade de vida moi deficiente aos veciños do entorno".

"É lóxico pensar que a solución non pasa por aumentar unha instalación sobresaturada, senón por diversificar o tratamento e que cada concello busque unha alternativa de depuración propia, que substitúa ao arcaico modelo de entubar todos os excrementos ata Lourizán. Máis sinxelo, máis eficiente e desde logo, moito máis xusto cunha parroquia deteriorada polas actuacións das administracións", di a plataforma nun comunicado.

"Praceres non quere ser unha ONG de recollida de cacas", escoitábase desde a sala do baixo parroquial ao final dunha asemblea que se trasladará aos domingos. Desde xa, todos os domingos de 11:30 á 13:00 horas a veciñanza concentrarase no antigo campo de fútbol, "demolido pola única sentencia xudicial executada na parroquia, para impedir que o lugar onde medraron enésimas xeracións da parroquia sexa convertido nun depósito de excrementos".