O goberno municipal decidiu contratar pola vía de emerxencia un tratamento contra as termitas na carpintaría exterior da casa consistorial.
A empresa Construcciones Ramírez fará estes traballos por uns 23.400 euros.
O tratamento consiste na colocación de cebos na contorna do edificio, ao redor duns 200 metros, unhas trampas que logran esterilizar as termitas para que, xa co paso do tempo, se poidan eliminar.
Haberá tamén accións específicas nas zonas máis danadas. Estas serían a porta principal e a zona de arquivo situada no soto.
Unha vez realizado o tratamento procederase ao pintado, vernizado e acondicionamento destas áreas, sobre as que se fará un seguimento de cinco anos para garantir que toda a praga de termitas sexa completamente erradicada.
OUTROS ASUNTOS DA XUNTA DE GOBERNO
Entre outras cuestións, a Xunta de Goberno celebrada este xoves aprobou a contratación da subministración dos uniformes para a Policía Local. Será un contrato de dous anos -máis dous de prórroga- polo que, por case 199.000 euros, o Concello recibirá 1.239 pezas anuais.
Ademais, tamén se renovou o convenio coa Axencia Galega das Industrias Culturais para a programación que a rede galega de teatros e auditorios ofrece en Pontevedra neste segundo semestre de 2024. Son preto de 19.000 euros, dos que o Concello achega 9.900.