Pontevedra ve nas críticas á rede de saneamento unha "pataleta" pola negativa a ampliar a EDAR

Pontevedra
25 de outubro 2018

O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, asegurou que a postura da Xunta é unha "saída de tono", xa que tras trasladarlles formalmente que a pretendida ampliación da EDAR "non é posible", os responsables autonómicos téñense que "tragar o sapo" da depuradora e "envainársela"

Raimundo González, voceiro do goberno municipal
Raimundo González, voceiro do goberno municipal / Mónica Patxot

Para o Concello, as críticas da Xunta de Galicia –e máis concretamente da súa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, ao estado da rede de saneamento de Pontevedra, non son máis que unha "pataleta" polo rexeitamento social e político mostrado ao proxecto para a ampliación da depuradora dos Praceres. 

O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, asegurou que a postura da Xunta é unha "saída de tono", xa que tras trasladarlles formalmente que a pretendida ampliación da EDAR "non é posible", os responsables autonómicos téñense que "tragar o sapo" da depuradora e "envainársela".

González, responsable do ciclo da auga en Pontevedra, defendeu que o centenar de deficiencias detectadas por Augas de Galicia na rede de saneamento municipal "non teñen enjundia ningunha" e, na súa práctica totalidade, xa están solucionadas.

O edil do BNG sinalou que a gran maioría das advertencias realizadas pola Xunta eran relativas a tapas de pozos que estaban rotas ou mal encaixadas, a arquetas en mal estado ou a acometidas de augas pluviais á rede de fecais.

En todo caso, Raimundo González avanzou que en virtude do novo contrato a empresa Viaqua, que xestiona esta rede de saneamento, revisará o seu estado para corrixir as posibles disfuncións que se rexistren nela.

O goberno municipal reitera que Pontevedra conta cunha rede de saneamento "acojonante" se o que detectan os técnicos autonómicos son un centenar destas "pequenas" deficiencias nunha rede que conta con 16.955 pozos de rexistro e 8.585 embonais.

Ademais, o Concello mostrou a súa "preocupación" pola ausencia do Porto de Marín na comisión de seguimento do plan de saneamento da ría, xa que está conectado á depuradora e, a pesar de estar supervisado pola Xunta de Galicia, desde alí chega auga salgada ou mesmo "graxa e calamares".

Respecto das actuacións en licitación, o Concello reiterou que a mellora tecnoloxía das actuais instalacións dos Praceres "poden facela", porque encaixa no plan urbanístico; non así o novo emisario submarino, sobre o que informarán desfavorablemente o punto de vista técnico.