Pontevedra, sen protección algunha contra os crematorios en zonas urbanas

Pontevedra
22 de xaneiro 2019

O Tribunal Supremo rexeitou o recurso de casación presentado polo Concello de Pontevedra contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulou o regulamento aprobado polo goberno municipal para impedir a construción de crematorios no centro urbano da Boa Vila

Manifestación anti crematorios no ano 2014
Manifestación anti crematorios no ano 2014

O Tribunal Supremo rexeitou o recurso de casación presentado polo Concello de Pontevedra contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulou o regulamento aprobado polo goberno municipal para impedir a construción de crematorios no centro urbano da Boa Vila.

Unha modificación puntual do PXOM foi o instrumento legal elixido para prohibir, desde o ano 2015, que este tipo de instalacións funerarias estivesen a menos de 50 metros das vivendas. Pero agora, con esta decisión do Supremo, as empresas do sector poderían pedir licenzas para crematorios en calquera punto da cidade.

Con esta situación, segundo o goberno municipal, os "máis prexudicados" son os propios veciños que iniciaron este proceso xudicial, que solicitaban que a franxa de protección sobre as vivendas fóra aínda maior, de ata 500 metros.

"Agora quedamos sen nada", lamentou Raimundo González.

Os servizos xurídicos municipais estudan agora o alcance desta decisión xudicial, notificada ao Concello o pasado 10 de xaneiro.

Para cubrir este baleiro legal, o Concello podería volver iniciar os trámites para modificar o PXOM, cuxo cambio foi anulado por carecer do estudo ambiental -que non se incluíu porque a Xunta entendía que non era necesario-, ou ben estudar unha nova suspensión temporal de licenzas para a instalación de crematorios.