Pontevedra, rumbo a Dubái para recoller o premio ONU-Hábitat ao seu modelo urbano

Pontevedra
21 de febreiro 2015

En apenas 72 horas, o alcalde de Pontevedra recollerá en Dubái o premio ONU-Hábitat ao seu modelo urbano. ÿ o galardón internacional de maior importancia que recibiu xamais a cidade. Pecharase así un círculo que comezou o pasado 24 de novembro, día no que o Ministerio de Fomento comunicou ao Concello a concesión deste premio polas súas boas prácticas en materia de mobilidade e accesibilidade

Vista aérea da cidade de Pontevedra
Vista aérea da cidade de Pontevedra /

En apenas 72 horas, o alcalde de Pontevedra recollerá en Dubái o premio ONU-Hábitat ao seu modelo urbano. ÿ o galardón internacional de maior importancia que recibiu xamais a cidade. Pecharase así un círculo que comezou o pasado 24 de novembro, día no que o Ministerio de Fomento comunicou ao Concello a concesión deste premio polas súas boas prácticas en materia de mobilidade e accesibilidade.

A comitiva municipal, encabezada polo propio Miguel Anxo Fernández Lores, partiu a primeira hora desta mañá do aeroporto de Santiago de Compostela, dende o cal, tras un breve paso por Madrid, ten previsto chegar á capital dos Emiratos Árabes, ás 00.15 horas da próxima madrugada (21.15 horas en España) -o regreso está previsto para o mércores 25 de febreiro, un día despois de recibir o premio-.

Comezará entón unha intensa axenda de actos conmemorativos que preparou a municipalidade de Dubái, cidade que entrega este prestixioso premio dende o ano 1996. Presidido polo director xeral da cidade, Hussain Nasser Lootah, os premiados expoñerán os seus respectivos proxectos o luns 23 de febreiro, a partir das nove da mañá hora local (seis da madrugada en España).

Será tras a proxección dun video sobre os premiados co ONU-Hábitat na décima edición destes galardóns, que se entregan cada dous anos. Xunto a Pontevedra, haberá outras nove presentacións procedentes de países tan diversos como Arxentina, India, Cambodja, Exipto, Guinea Bissau, Kenya, Ghana ou Nicaragua. Ademais de explicar os detalles do modelo urbano, o voceiro pontevedrés deberá responder ás preguntas dos asistentes.

En concreto, este premio recoñece o traballo de Pontevedra en materia de innovación, inclusión social ou calidade urbana e destaca que se trata dun modelo transferible, é dicir, que pode ser executado noutros municipios sen ningún tipo de problema. Estes serán os aspectos nos que se centre a intervención pontevedresa, que será en inglés e durará aproximadamente cinco minutos.

A sesión de honras do premio ONU-Hábitat terá lugar ao día seguinte, martes 24 de febreiro. Será entón cando Miguel Anxo Fernández Lores suba ao escenario do auditorio da Asociación Cultural e Científica de Dubái, situada en Al Mamzar, para recoller o recoñecemento a Pontevedra polas súas boas prácticas para elevar a calidade de vida das persoas promovendo unha cidade social e ambientalmente sostible.

Recoñecerase así, segundo a organización, un modelo iniciado en 1999 coa peonalización do centro histórico, o primeiro dos espazos públicos que se recuperou para o uso e goce da cidadanía. Ademais, destacan o traballo realizado para fomentar a autonomía persoal, eliminar os riscos derivados do tráfico, reducir a contaminación aérea, acústica e da auga, recuperar áreas urbanas degradadas, fomentar a mobilidade non contaminante e saudable e mellorar a conexión entre a cidade, a Ría e os seus ríos.

O premio ten unha dotación económica de 30.000 dólares e inclúe un trofeo e un certificado de honra. Tras o regreso a Pontevedra, o Concello ten previsto realizar un acto cívico para celebrar coa cidadanía a concesión dun premio que pon ao modelo urbano da cidade entre os máis aclamados do mundo.