Pontevedra premia a "unha muller que brilla con luz de seu" e unha empresa que a sitúa "no mapa da cultura e do audiovisual"

Pontevedra
20 de xaneiro 2024

Teresa Abelleira e Daniel Froiz non puideron recoller os premios, pero fixérono os seus irmáns. A futbolista quixo "animar aos clubs de Pontevedra a apostar polo fútbol feminino" e o produtor de Matriuska sinalou: "nunca sentira a gratitude de maneira tan honesta e a plenitude, que me outorga recibir un premio na miña terra, na nosa querida Pontevedra"

Pleno de entrega dos Premos Cidade de Pontevedra 2023
Pleno de entrega dos Premos Cidade de Pontevedra 2023

Como cada 20 de xaneiro, Pontevedra festexou o día de San Sebastián coa celebración dun pleno de honra no Teatro Principal para entregar os Premios Cidade de Pontevedra. A diferencia de anteriores ocasións, os condecorados non estiveron presentes, pero os seus irmáns leron un discurso no seu nome amosando o seu agradecemento e desculpándose porque os seus compromisos profesionais e persoais lles impediron asistir. 

Na edición 2023 dos premios resultaron condecorados a futbolista campioa do mundo Teresa Abelleira e a produtora Matriuska Producciones, responsable da película Matria e, no seu discurso oficial, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que a sesión foi "un tanto atípica" por non poder contar coa súa presenza física, pero recoñeceu que esta ausencia "tamén pode ser un bo indicador do impoñente traballo que realizan día a día e da altísima proxección que acadaron nestes últimos tempos".

A ausencia dos condecorados restou emoción ao acto, pero ao remate da sesión viuse compensada cunha sorpresa do Concello á avoa de Teresa Abelleira, Maria Efigenia "Chicha", que este sábado cumpría 88 anos e acudiu ao Teatro Principal para presenciar o recoñecemento á súa neta. En sinal de agarimo, Lores entregoulle un ramo de flores e fundíronse nunha aperta. 

Lores lembrou que este recoñecemento público é tamén "unha mostra absoluta de agradecemento a persoas que fan de Pontevedra unha cidade mellor e un referente no mundo" e que tanto Abelleira como Matriuska "cumpren con esta idea até un nivel mediático que non sempre é doado ver".

De Teresa Abelleira destacou que é "unha muller que brilla con luz de seu", que chegou ao máximo nivel do fútbol mundial, triunfou e "a súa imaxe elevouse como un referente feminino e pontevedrés que perdurará por décadas".

Lores está convencido de que "ser campioa do mundo, estar nun dos equipos máis fortes do Estado e ser unha futbolista profesional é só o inicio do seu éxito, un éxito que comparte con esta cidade" e sinalou que ela é "o exemplo perfecto para demostrar que desde a Boa Vila todo é posible".

En nome de Teresa Abelleira leu un discurso o seu irmán, Tomás.  Nel, a futbolista amosouse agradecida con Pontevedra "polo seu apoio incondicional e ás súas mostras de agarimo". "Rematar o partido máis importante da miña vida e ver en imaxes que a praza da Ferrería estaba chea e sentirme tan acollida á miña volta do mundial por todas e todos as pontevedresas e pontevedreses na Praza de Mugartegui, son momentos que gardarei sempre na miña memoria e nunca vou esquecer", recoñeceu. E deu as grazas por "encherme de felicidade e orgullo".

Botando a vista atrás, sinalou que unha parte da nena que empezou con tan só con 5 anos a xogar o fútbol nos campos da Xunqueira sempre formará parte da muller futbolista que é hoxe en día e deu as grazas ao seu equipo, AJ Lérez, que a veu nacer e medrar como futbolista ata os 16 anos.

"Síntome orgullosa de poder ser un referente e de ter aberto portas para que todas esas nenas pontevedresas que soñan con ser algún día futbolistas profesionais, saiban que poden chegar a selo, poden chegar a ser Campioas do mundo. Se eu puiden, elas tamén poderán", dixo. E quixo "animar aos clubs de Pontevedra a apostar polo fútbol feminino".

De Matriuska destacou Lores que "vemos como o mundo premia e abre as súas portas para recibir o talento que exporta Pontevedra" e lembrou que os recoñecementos á produtora na Berlinale ou no Festival de Málaga con Matria. E do seu creador, Daniel Froiz, destacou a súa aposta por Pontevedra. 

"Será sempre unha honra telos na Boa Vila, estrear as súas historias e que nos sigan situando no mapa da cultura e do audiovisual", sinalou Lores, que, alén do éxito de Matria, recoñeceu todo o traballo de Matriuska nos últimos anos.

En nome de Daniel Froiz leu o discurso o seu irmán Andrés. Nel, lembrou os inicios da produtora en 2004, a Isaac e Mario, que o acompañaron neses inicios, e cos que cumpriu o "soño" de crear Matriuska, unha empresa adicada a facer cinema independente, "que orbita ao redor do talento galego, e que ten vocación de traspasar fronteiras. De todo tipo".

Para Daniel Froiz, "Matria é o culmen de todo este traballo" e quixo destacar que na súa historia crearon "novos e ilusionantes proxectos con Pontevedra coma epicentro", por iso é polo que tanto agradece este premio

"Polo carácter do noso traballo son moitas as veces que recibimos parabéns, pero nunca sentira a gratitude de maneira tan honesta e a plenitude, que me outorga recibir un premio na miña terra, na nosa querida Pontevedra", destacou, "un premio, que para nós recoñece o esforzo, o tesón e o compromiso de moita xente".