Pontevedra pacta con Ponte Caldelas a subministración de auga ás empresas da Reigosa

Pontevedra
30 de outubro 2015

Os alcaldes de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e Ponte Caldelas, Andrés Díaz, asinaron este venres o convenio entre ambos os municipios polo que a capital lle servirá auga ás empresas da Reigosa e no que establece as taxas que se lle cobrará ao concello veciño por esta subministración

Miguel Anxo Fernández Lores e Andrés Díaz asinan o convenio para o subministro de auga no polígono da Reigosa
Miguel Anxo Fernández Lores e Andrés Díaz asinan o convenio para o subministro de auga no polígono da Reigosa / PontevedraViva

Os alcaldes de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e Ponte Caldelas, Andrés Díaz, asinaron este venres o convenio entre ambos os municipios polo que a capital lle servirá auga ás empresas da Reigosa e no que establece as taxas que se lle cobrará ao concello veciño por esta subministración.

Ambos os concellos trataron de simplificar este acordo para que fose a propia empresa concesionaria a que factura, pero isto non é posible xa que a empresa Viaqua como concesionaria do servizo no Concello de Pontevedra non pode dar subministración a unha empresa que se atopa fóra do termo municipal.

O acordo fixa os mesmos prezos pola auga que teñen o resto de empresas do polígono do Campiño, sen ningún tipo de sobrecusto. De modo que Ponte Caldelas será a que ingrese os recibos e despois transferirá os fondos á Pontevedra.

Fernández Lores explicou o "longo" proceso negociador deste acordo "necesario" xa que algunhas empresas da Reigosa requirían este servizo.

Pola súa banda, Andrés Díaz detallou o problema que tivo a empresa Aludec a pasada semana cando por falta de presión de auga suficiente tivo que parar a súa produción. Pontevedra puxo en funcionamento 24 horas a estación de bombeo para liquidar este contratempo antes da firma deste convenio.

Existe unha estación de bombeo construída por Xestur pero con "múltiples deficiendias" que a facían inoperativa na práctica polo que Pontevedra asumiu a súa reparación para deixala en condicións "esa foi unha boa disposición do concello de Pontevedra que non o tiña por que facer pero fíxoo", dixo Andrés Díaz.

Arquivado en