O Concello de Pontevedra rexeita o Plan Especial do Porto de Marín, polo menos tal e como o plantexan a Autoridade Portuaria e a Xunta de Galicia. Así o avanzou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro. O goberno local emitiu un informe negativo a este documento que se impulsa para intentar dar solución á sentenza xudicial que declara nulo o anterior plan especial e ordena a demolición de 300.000 metros cadrados de recheos.
"Volvemos emitir un informe negativo fundamentado técnicamente en que non foron atendidas as cuestión máis relevantes que presentamos nas nosas alegacións", explicou Louro, quen criticou que a Xunta remita de novo a Pontevedra o Plan Especial "a sabendas de que é aparentemente idéntico" ao aprobado inicialmente e tras desestimar as alegacións presentadas polo concello pontevedrés.
En resumo, Pontevedra opta por non apoiar este Plan Especial porque non recolle o deslinde entre Pontevedra e Marín "mantendo a situación de indubidable inseguridade xurídica das empresas", pola ausencia dun informe sobre a suficiencia das infraestucturas e os propios servizos do Porto ou pola "ambigüedade" sobre futuros recheos e a carencia de estudos sobre o impacto que puidesen ter sobre os bancos marisqueros da ría.
Ademais, o Concello de Pontevedra rexeita que se xeneralicen os usos industriais e comerciais que recolle o Plan e que converterían ao Porto de Marín, sinalou o concelleiro socialista, "nun polígono industrial". Neste sentido, sinalou que tampouco recolle a necesidade dun porto seco "con accesos viarios e ferroviarios" e que funcione como plataforma loxística.